Samsung recibe o Premio e-Inclusión dos nosos enxeñeiros en Informática polo seu proxecto Tallk
martes, 5 de outubro do 2021
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
decidiu outorgar o seu galardón que enxalza os esforzos en
accesibilidade tecnolóxica e benestar para os colectivos en risco, o
Premio e-Inclusión, á compañía Samsung Electronics Iberia polo
seu proxecto Tallk, dirixido a facilitar a comunicación
das persoas doentes de ELA. Será entregado, xunto cos restantes
recoñecementos anuais do colexio (un total de dez categorías), no
marco da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o 29
de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.
A
aplicación Tallk, impulsada por Samsung en colaboración coa
Fundación Luzón e creada pola nova firma española Irisbond,
posibilita a comunicación a través da tecnoloxía de Eye
Tracking (seguimento ocular) con tabletas Samsung
Galaxy en España e Portugal. Deste xeito, as persoas con mobilidade
reducida e ausencia da linguaxe oral como os pacientes de ELA poden
“falar” a través da mirada, “contribuíndo a dotar de maior
independencia ás persoas que sofren este tipo de patoloxías, así
como a mellorar a súa calidade de vida e a dos seus coidadores e
achegados”, salienta o CPEIG, engadindo que a tecnoloxía de
seguimento ocular de Tallk emprega a cámara da tableta para
“localizar as pupilas e certos puntos característicos do rostro”.
Posteriormente, a través dunha serie de algoritmos e Intelixencia
Artificial, o software traduce o movemento dos ollos en movementos
aproximados dentro da pantalla para acceder a un teclado virtual e
converter en voz o texto introducido polo usuario. “Grazas a
Tallk”, explica o colexio, “as persoas poderán utilizar
os seus ollos para escribir facendo uso dun teclado virtual preditivo
e verbalizar despois o que escriben”.
O
CPEIG tamén destaca o feito de que a ferramenta permita engadir
frases á colección da persoa usuaria, de forma que poida acceder ás
mesmas e verbalizalas en calquera momento “de forma rápida e
sinxela”. Ademais, garda un histórico de frases usadas que
permitirá utilizalas en calquera momento que se desexe.
Control
dos electrodomésticos e sensores do fogar
O
teclado permite tamén interactuar co asistente virtual por voz
baseado no sistema IA de Samsung, Bixby, para resolver distintas
peticións, así como controlar dispositivos do fogar conectados como
o televisor, os electrodomésticos ou sensores do fogar. A aplicación
está desenvolvida para tabletas Android Samsung Galaxy Tab
compatíbeis. Pódese descargar de forma totalmente gratuíta nas
tendas Galaxy Store e Play Store en España e Portugal.
Actualmente, a aplicación está dispoñíbel en castelán e
portugués.
A
esclerose lateral amiotrófica (ELA) é unha doenza neurodexenerativa
que afecta ás células nerviosas do cerebro e á medula espinal. Os
pacientes perden progresivamente todo o control dos movementos
musculares ata a morte por parálise completa. É 100% mortal con
1.000 casos novos por ano.
A
Fundación Luzón, organización adicada por completo á mellora das
condicións coas que viven os pacientes con ELA e os seus familiares,
conta coa colaboración de Samsung desde 2018 a través de diversas
iniciativas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a ELA,
visualizar a enfermidade e promover a investigación para atopar unha
cura. Froito desta colaboración, xurdiu a posibilidade de mellorar a
vida dos pacientes de ELA a través da tecnoloxía. Para iso, Samsung
contou con Irisbond, compañía española especializada en solucións
globais e innovadoras de seguimento ocular para persoas e empresas,
que foi a encargada do desenvolvemento da aplicación.
Segundo
Alfonso Fernández, director de Marketing e Transformación Dixital
de Samsung, o proxecto obedece ao desexo da compañía de “crear
iniciativas e solucións innovadoras que contribúan a mellorar a
calidade de vida das persoas. A nosa colaboración coa Fundación
Luzón enmárcase en noso programa Tecnoloxía con Propósito que
inclúe varios proxectos de Samsung que rompen a través da
tecnoloxía e que se materializa en tres alicerces: educación e
cultura; emprego e emprendemento; e benestar e accesibilidade. Neste
caso, o noso principal obxectivo é mellorar o benestar dos pacientes
dela e esta aplicación permitiralles comunicarse e vivir unha vida
máis independente”.