Santiago acolle esta semana unha xuntanza entre os nosos sectores TIC e téxtil co fin de favorecer a transferencia de innovacións

luns, 18 de marzo do 2013 Redacción

Será do 20 ao 22 de marzo cando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Clúster Téxtil-Moda Galicia (COINTEGA) en colaboración con Red.es poñan en marcha no compostelán Centro Demostrador TIC a I Semana Tecnolóxica adicada ao téxtil galego. Esta primeira edición quere reunir ao sector tecnolóxico e ás empresas galegas do téxtil co gallo de facer máis doada a transferencia de necesidades e solucións TIC. Emporiso, a Semana TIC atópase inserida no obxectivo do Centro Demostrador de cara a facer máis sinxela a incorporación da tecnoloxía aos negocios das microPEME e autónomos para convertelos deste xeito en máis competitivos. Asemade, nesta xuntanza as empresas tecnolóxicas poderán descubrir as necesidades específicas de cada sector e adaptar a súa oferta ás necesidades reais dos diferentes sectores produtivos.
Na xornada do 20 de marzo presentarase o Catálogo ModaTIC.gal, o primeiro catálogo de provedores e solucións TIC galegas para ao téxtil. Dicir que a oferta tecnolóxica recollida no dito Catálogo realizouse en colaboración coas asociacións tecnolóxicas galegas: AGASOL, AGESTIC, Cluster TIC, EGANET e INEO, así como da plataforma tecnolóxica TIC, Vindeira. Logo desta presentación celebraranse varias mesas de debate onde expertos TIC do téxtil responderán ás dúbidas en áreas como a xestión, os puntos de venda ou a loxística. Na sesión do 21 de marzo, Red.es organizará o obradoiro Vendes en Internet?, que abranguerá aspectos chave para xestionar un negocio en Internet (como crear unha marca, tirar o máximo proveito das redes sociais e á web 2.0, como organizar a loxística do negocio online, a fiscalidade ou a normativa pola que se rexe o e-Commerce). Engadir que o obradoiro poderá seguirse por videoconferencia nas aulas CeMIT da Coruña, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, Celanova, Lalín, Ponteareas e Pontevedra. O derradeiro día da Semana Tecnolóxica -o 22 de marzo- centrarase en demostracións prácticas: solucións tecnolóxicas, que lles aporta a súa empresa, como se integra con outros sistemas de información, intercambiar tarxetas, folletos, catálogos, etc. Poderase seguir e interactuar cos participantes mediante o uso en Twitter do hashtag ou etiqueta #ModaTICgal, ou mandando unha mensaxe a través do Facebook da iMit.
Subliñar que a asistencia a todas as actividades é de balde -condicionada aos aforos dos locais- previa inscrición nas canles habilitadas. Máis información na web do CDTIC.

PUBLICIDADE