Skype adapta a súa videoconferencia en grupo a tablets con Windows

mércores, 16 de xullo do 2014 Marcus Fernández

ata 10 persoas á vez poden participar nas videoconferencias de Skype

O pasado mes de abril Microsoft fixo de balde as videoconferencias en grupo para Windows, OS X e Xbox One, prometendo que esta atractiva funcionalidade chegaría en breve a outras plataformas e, finalmente, chega á interface moderna de Windows, de xeito que tablets e convertibles co sistema operativo de Microsoft poden gozar de conversas en vídeo de balde con varios usuarios á vez.
A nova versión de Skype está dispoñible na tenda de aplicacións de Windows, pero cómpre lembrar que a meirande parte dos usuarios non terán que instalala manualmente, xa que Skype xa está integrada en Windows 8.1, polo que o máis recomendable sería actualizar o sistema operativo no caso de non contar aínda con esta aplicación instalada nun equipo con pantalla táctil.

Se facemos un doble toque sobre un participante nunha multi-conferencia en vídeo poderemos velo a pantalla completa

A interface das multi-conferencias de vídeo en Skype optimizouse para o tipo de conversas máis habituais (con 3 ou 4 participantes) de xeito que amosa en tamaño máis grande aos 3 participantes máis activos, mentres que o resto (lembremos que poden participar ata 10 persoas na mesma conversa) aparecerán en tamaño máis pequeno ata que comecen a falar. Se queremos ver a unha persoa en concreto, só teremos que premer dúas veces sobre a súa imaxe para vela a pantalla completa.
Tamén é posible aproveitar as funcionalidade de Windows 8.1 para, por exemplo, facer que Skype só ocupe unha porción da pantalla, para poder navegar pola web, ver un vídeo ou comprobar o correo electrónico mentres estamos a falar a través de Skype.


Vídeo de presentación das videoconferencias de Skype na interface moderna de Windows