Skype prepárase para abrir ao público a súa tecnoloxía de tradución en tempo real
luns, 15 de decembro do 2014
Hai un par de anos Microsoft Research deu
conta da súa tecnoloxía de tradución de linguaxe natural que permitiría que
non só un ordenador puidese recoñecer a voz dunha persoa, traducir as súas
palabras e converter a tradución de texto a voz ante un interlocutor que fale
outra lingua, senón que este último paso faríase intentando simular os tons das
expresións orixinais, conseguindo así unha grande fidelidade que parecía algo
máis propios dos tradutores universais que viamos en series de ciencia ficción
como Star Trek. Agora que esta
tecnoloxía está bastante madura, quere abrirse ao público para permitir a súa
evolución, e vai facerse a través de Skype.
Temos así que estes días ábrese o público o programa preliminar de Skype
Translator, ao que podemos inscribirnos
de balde vía web, e que antes de
rematar o ano permitiranos probar a tradución das nosas conversas por Skype
entre o inglés e o español de xeito oral e máis de 40 idiomas escritos,
comezando esta fase de probas na versión para Windows 8.1 de Skype.
Esta tecnoloxía quere axudar a que persoas de distintos lugares do mundo, que
falen distintas linguas, poidan comunicarse dun xeito natural, para colaborar
superando os atrancos lingüísticos, e para que poidamos facernos unha idea de
como funciona isto,
dende Microsoft probaron Skype Translator no Escola Peterson de Cidade de
México e na escola de primaria Stafford en Tacoma (EE.UU.), convidando aos
nenos a xogar intentando adiviñar mediante preguntas por videoconferencia con
que outro lugar do mundo están a falar.
Coas fases de probas de Skype Translator espérase que o sistema vaia
adestrándose mediante o propio uso dos usuarios, de xeito que mellorará
paulatinamente e irá incorporando novas linguas até que estea listo para
lanzarse como un produto final.
Vídeo no que podemos ver a experiencia escolar de Skype Translator