SmartPEME comeza 2020 con máis de 40 novos obradoiros TIC
venres, 3 de xaneiro do 2020
SmartPEME,
a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica
para PEME, profesionais e autónomos da provincia, comezou 2020 con
novas e relevantes citas formativas encamiñadas a facer avanzar a
dixitalización e a competitividade. Para
a comarca de Vigo, achéganse en xaneiro 20 novas accións a
desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas (sete), Vigo
(seis) e Porriño (sete). A estas citas cómpre sumar as
sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e
outras tantas (sete, tamén) en
Cambados, ás que hai que engadir sete
obradoiros máis en Lalín.
En
total, 41 obradoiros dados a coñecer polo de agora sobre as máis
diversas materias TIC (visualización en buscadores, turismo dixital,
ofimática avanzada, mercadotecnia online, creación de webs e
aplicacións, etc), aos que haberá que engadir en breve os de Barro,
onde tamén funciona un punto SmartPEME. As inscricións pódense
facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico
info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas
estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das
empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario
dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as
ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa
competitividade”.
Máis
datos que cómpre saber sobre SmartPEME
SmartPEME
é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das
PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e
eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada
novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións
empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O
devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra,
Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes
actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis
de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de
networking trimestrais coa participación de profesionais de
prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas
institucionais, especialización sectorial dos asesores en función
das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en
novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das
necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén,
impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.