SmartPEME móstranos esta semana como mellorar a nosa posición en buscadores
luns, 7 de marzo do 2022
A
Deputación de Pontevedra, a través da rede SmartPEME para a
capacitación tecnolóxica de empresas e persoas autónomas da
provincia, oferta
esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de
xeito online. Tocaranse
temas relevantes como a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain),
a elección de palabras clave para mellorarmos a nosa posición nos
buscadores ou a edición de fotografías.
As
actividades comezarán o martes 8 cun obradoiro titulado Aprende a
elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM, no que
Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, falará
da importancia do posicionamento na rede e as palabras chave.
Para
o mércores 9 hai programados dous talleres. Co primeiro deles,
titulado Blockchain, metaverso, Manuel Freire, experto
universitario en robótica, pecha o ciclo de obradoiros informativos
sobre a tecnoloxía blockchain falando do metaverso, como se
intúe que será, para que vai servir e o seu estado actual.
O
outro obradoiro programado para este día versará sobre os Motores
de reservas para empresas turísticas. Nel, Sonia Torres, técnica
en Empresas e Actividades Turísticas, explicará que é un motor de
reserva e un channel manager. Ademais, dará a coñecer as
vantaxes de dispor dun sistema de reservas e dispoñibilidade online
para o sector turístico aportando exemplos.
Os
obradoiros rematarán o xoves 10 cunha sesión formativa
completamente práctica impartida por Lara Taboada, titulada superior
en Ensinos Artísticos e de Deseño Gráfico. Baixo o título de
Edita as túas fotografías co teu teléfono móbil: Snapseed,
as persoas asistentes coñecerán de preto unha ferramenta de edición
fotográfica con múltiples posibilidades.