Software libre para unha misión espacial europea

venres, 30 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Para unha chea de usuarios e deseñadores de software libre seguro que non hai dúbida posible: tanto os sistemas de control e navegación do Enterprise coma da Nostromo coma os o Falcón Milenario corrían con fontes abertas (e no caso da terceira destas naves interplanetarias, está claro que lle cumpría non optar ó pago de ningunha licenza, tendo en conta os seus notorios problemas de orzamento: case había que empurrala para que erguese o voo). Enleadas aparte, o software libre aparece hoxe en día cinguido a unha manchea de proxectos de envergadura tecnolóxica que veñen acompañados de complicacións computacionais. É o caso do satélite TerraSAR-X que, segundo nos conta Agnix, vai ser lanzado en breve ó espazo polo Centro Aeroespacial Alemán (DLR).
Como indicamos, o aparello vai correr sobre fontes abertas, concretamente sobre un programa do Centro Europeo de Operacións Espaciais (ESA/ESOC) chamado Sparecraft Operating System 2000 ou, para máis comodidade, SCOS-2000.
A ferramenta que vai empregar o satélite (que observará a Terra nunha órbita duns 514 quilómetros de altura recollendo datos a través de raios X) vai encamiñada á xestión e o control da operación, e en breve estará ó alcance da man baixo licenza aberta dos membros da ESA. O feito de que unha ferramenta destas características vaia dirixida ó control de algo como unha misión espacial (que non é precisamente unha excursión dunha xornada ós Milagres de Amil) achega certas ideas sobre o papel que está a xogar (e xogará) hoxe en día o concepto aberto do deseño informático.