Startup Galicia organiza un encontro con Álex Recouso na Coruña
luns, 6 de abril do 2026
Startup Galicia volverá contar cun novo encontro aberto centrado na aprendizaxe práctica e no intercambio directo de experiencias, que se celebrará o vindeiro 8 de abril unha sesión do formato Ask Me Anything (AMA) que terá como protagonista a Álex Recouso, cofundador e CEO de CitizenX, nun evento que se desenvolverá nas oficinas de Sngular na Coruña entre as 13:30 e as 15:30 horas.
Este tipo de encontros caracterízase polo seu carácter participativo e pola ausencia de guións pechados, favorecendo unha conversa fluída entre a persoa convidada e o público asistente. O obxectivo é xerar un espazo de diálogo no que se poidan abordar cuestións reais sobre emprendemento, negocio e toma de decisións, permitindo aos asistentes formular preguntas de maneira directa.
A sesión arrancará cunha breve introdución para, a continuación, dar paso a unha conversa aberta con Recouso. O emprendedor compartirá a súa experiencia en proxectos de ámbito internacional e en modelos de negocio pouco convencionais, poñendo o foco en aspectos como a venda de produtos de alto valor, a operativa en mercados globais e a definición de estratexias en contornas complexas.
O encontro preséntase como unha oportunidade para coñecer de primeira man as dinámicas de creación e escalado de negocio a nivel internacional, nun formato que tamén reservará un espazo final para o networking entre os asistentes.
A iniciativa conta co apoio de Sngular e do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
