Tegnix representará ao eido galego do software libre en LibreCon 2014
luns, 10 de novembro do 2014
As
tecnoloxías abertas serán o tema central de LibreCon,
que nesta edición 2014 vén da man da federación española ASOLIF e
a plataforma éuscara ESLE, que conta co apoio de empresas punteiras
do sector como Red Hat, Alfresco, Irontec, Euskatel, Lanbide, Zimbra
e Finodex, ás que cómpre engadir o apoio do Goberno Vasco, a
Deputación de Biscaia, a Deputación de Guipúscoa, o Concello de
Bilbao ou CENATIC. A cita será no Palacio Euskalduna e artellarase
en base a conferencias, casos de éxito, demostracións, charlas e
obradoiros, coas últimas tendencias do sector das tecnoloxías
abertas. LibreCon 2014 recolle a testemuña das tres edicións
anteriores da Libre Software World Conference (LSWC), a
edición 2012 celebrada en Santiago. En canto á presenza galega,
sinalar que o 11 de novembro intervén Tegnix.
A
galega empresa estará representada polo seu xerente Carlos
Rodríguez, quen achegará a conferencia titulada Implantación
de novas tecnoloxías con software libre en aulas
(proxectos Abalar e CeMIT) sobre as tecnoloxías e procedementos
introducidos na área de administración de sistemas para os
proxectos Abalar
(75.000 equipos) e Rede
CeMIT (1.500 equipos), ambos pertencentes á
Xunta de Galicia.
A presenza internacional en
LibreCon estará protagonizada por administracións como o Concello
de Múnic, co seu proxecto LiMux, que axudou á cidade alemá a
aforrar 11 millóns de euros; ou a Xendarmería francesa, coa
migración de solucións de computación e ofimática libres máis
grande da historia, ou a comparecencia de Jim Whitehurst, CEO de Red
Hat. Alén destas participacións, tamén acudirán organizacións
como Amnistía Internacional España, con arredor de 65.000 membros e
1.800 activistas, que amosará a súa xestión coa plataforma
CiviCRM. Amais disto, concorrerán empresas como Atrapalo.com, “un
dos maiores comercios electrónicos do sector turístico e lecer, que
presentará como as tecnoloxías abertas son a chave en determinadas
áreas do negocio”, explica a organización, que engade que tamén
se contará con startups
como como CartoDB, que dará conta de “como converteron o seu
modelo baseado en software libre nunha empresa de éxito capaz de
captar o interese de investidores e clientes”.
