Telefónica achega a Ecuador chamadas de balde e material tecnolóxico para rescates
mércores, 20 de abril do 2016
Telefónica
vén de habilitar unha campaña de axuda solidaria para a Ecuador,
co fin de contribuír á eficacia no rescate e a establecer as
mellores comunicacións posíbeis entre as persoas afectadas polo
terremoto do pasado luns. Isto abrangue o envío de 60 teléfonos
satelitais e máis un avión con seis expertos que axudarán nos
traballos de localización e recuperación das vítimas. Ademais, as
filiais da compañía en Venezuela, Guatemala e Ecuador ofrecen dende
o mesmo 18 de abril chamadas de balde a quen teña familiares e
amigos na contorna.
A operadora de raizame
española forneceu xa ao Goberno ecuatoriano con medio cento de
teléfonos vía satélite. Outros 9 equipos instaláronse nos PSEM,
que son os Puntos de Servizos Emerxentes Móbiles, unidades móbiles
que subministran, dende as zonas afectadas, chamadas de balde para
todas as persoas que o requiran.
Por outra banda, Movistar
Ecuador ofrece aos seus clientes durante todo o mes de abril mil SMS
e mil minutos de chamadas ás zonas de Manabí e Esmeraldas, “pondo
a tecnoloxía a disposición das familias”, sinala a operadora.
A todo o devandito súmase
unha iniciativa artellada a través da Fundación Telefónica
(programa Voluntarios) que inclúe o lanzamento dunha plataforma
internacional para que todos os empregados e colaboradores do Grupo
poidan canalizar as súas doazóns para pór o seu gran de area en
todo tipo de accións solidarias en Ecuador. Todo isto a través das
páxinas web de Voluntarios
Telefónica, a Fundación
Telefónica e todas as intranets do grupo.
Segundo engade a compañía
acerca dos traballos concretos desenvolvidos até o día de hoxe, o
equipo de Ecuador traballou “intensamente” desde o primeiro
momento para restituír o servizo das estacións base caídas polo
terremoto, así como en apoiar ao Goberno de Ecuador en transmitir a
través de SMS as instrucións de seguridade á cidadanía. En
Manabí, a maiores, restableceuse o servizo da fibra óptica e o 53%
das estacións base de 2 G e o 30% das de 3G xa están en
funcionamento, explica Telefónica, que lembra que os seus técnicos
seguen a traballar para “o restablecemento total nas zonas de
Guayas e Esmeraldas”.