Telefónica e Nec sentan os alicerces dos fogares conectados máis simples e ceibes de avarías
venres, 11 de outubro do 2013
Telefónica e Nec
anunciaron este xoves que van unir forzas para iniciar en Brasil,
dende este mes de outubro, un
proxecto piloto que se dirixe a simplificar ao máximo o equipamento
TIC do noso fogar mediante tecnoloxías de virtualización destes
equipos (vCPE). Trátase dun proxecto baseado nun prototipo
desenvolvido por Telefónica I+D e integrado por Nec e que permite
desprazar certas funcións IP desde as pasarelas residenciais (o
equipo instalado no fogar do cliente) á propia rede da operadora. Ou
sexa que se desprazan as funcións a mans dos técnicos das empresa.
Isto que fai posíbel? Pois basicamente abrir o vieiro das
autoreparacións do sistema (sempre que haxa avarías, por que a
tendencia é a que diminúan ao máximo) e dun elemento de
flexibilidade e eficiencia a ter moi en conta.
Para dar forma a isto,
Telefónica e Nec levarán a cabo probas de campo en Brasil, onde a
operadora española prové servizos de acceso de banda larga a
millóns de fogares e negocios, “co obxectivo de ter preparada unha
solución lista para aplicarse ao redor de xullo de 2014”,
informan. A introdución deste sistema, engade a compañía, “pode
axudar a reforzar e simplificar de maneira notábel a operación do
servizo así como o seu mantemento mediante a virtualización e o
desprazamento das funcións do equipo en casa do cliente á propia
rede de Telefónica”. E engade: “Ao minimizar a dependencia do
hardware, a virtualización traerá beneficios tanto na xestión da
rede como para o propio cliente final, garantíndose meirandes
control e seguridade na electrónica de consumo conectada á Rede así
como a redución das posibles incidencias e avarías”.
A solución vCPE pertence
ás solucións SDN de Nec para operadoras de telecomunicación, unha
carteira de novas solucións innovadoras baseadas en tecnoloxías
Software-Defined Networking (SDN) e Network Functions
Virtualization (NFV).