Telefónica loa a actividade galega en responsabilidade social e anímanos a amosala nos seus Ability Awards
venres, 4 de abril do 2014
Na nosa terra hai
múltiples exemplos de empresas que traballan tendo en conta a
responsabilidade social en todas as súas actividades, en moitos
casos aplicada ao eido TIC. Isto materialízase en servizos e
tecnoloxías accesíbeis de cara á propia tecnoloxía ou en recursos
que favorezan algo máis amplo: a inclusión social. A cuestión é
que cómpre amosarlle ao mundo este potencial solidario cos
colectivos con diversidades funcionais ou motrices, ou coa terceira
idade. Esta
é a mensaxe que lanzou Telefónica este venres en Santiago, onde
presentou a terceira edición dos premios Telefónica
Ability Awards. A cita foi no Hostal dos Reis Católicos e
nela lembrouse o gran obxectivo do certame: recoñecer ás empresas e
entidades que traballan para tirar abaixo barreiras sociais.
Os galardóns en
cuestión, en palabras da operadora únicos en España dentro do seu
ámbito de acción, fan fincapé nas mellores prácticas de empresas
e entidades, a nivel nacional, a favor das persoas con diversidades
funcionais, cognitivas ou motrices. A cita en Santiago contou coa
presenza de Manuel Alonso, director de Telefónica en Galicia,
Eduardo Puig, director de Stakeholder Engagement da operadora, e
Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar. Todos eles animaron
ás firmas e organizacións da nosa terra a participar no certame e
amosar a súa creatividade solidaria, a súa capacidade de
desenvolvemento cara a consecución dun mundo mellor e máis
igualitario. Tamén lembraron que o certame aínda ten aberto o prazo
para a recepción de candidaturas e que os dez gañadores do certame
desvelaranse durante unha cerimonia prevista para o primeiro
trimestre de 2015.
Manuel Alonso, na súa
intervención, alentou encarecidamente ás empresas e institucións
da nosa terra, sobre todo ás PEME, “a participar e contribuír coa
súa candidatura a prol da valorización dos modelos de negocio
inclusivos”. E engadiu: “Queremos que Galicia tamén destaque”.
Ao fío do devandito, lembrou que un dos grandes retos de Telefónica
nesta terceira edición é o de incrementar a participación das
pequenas e medianas empresas, “pois xogan un papel fundamental no
tecido empresarial de Galicia”. Na súa opinión, o labor de
responsabilidade social destas firmas debe visualizarse canto antes e
cos medios dos que se dispoña, máis tendo en conta a calidade de
moitos dos seus produtos tecnolóxicos e o mérito de contar con
menos recursos cás empresas grandes. Alonso fixo saber que unha das
novidades que incorporan os galardóns este ano é que a categoría
absoluta Mellor Pequena Empresa Privada acollerá só as
candidaturas de microPEME con menos de 50 empregados. Até agora
podían competir as empresas que tivesen menos de 250.
En total, en anteriores
edicións concursaron 453 entidades, que se presentaron a case 600
categorías, sendo as comunidades con maior participación Madrid,
Andalucía, Cataluña e Valencia. A idea de Telefónica é incluír á
nosa terra onde se merece: entre as comunidades que máis proxectos
amosan. Ao fío disto, Alonso fixo saber que a participación galega
“é clave para promover a igualdade de oportunidades e construír
unha sociedade mellor e máis accesible”. Para asentar os seus
argumentos e amosar precedentes claros, recordou nas anteriores
edicións do certame, até seis organizacións galegas resultaron
finalistas en diferentes categorías, entre as que se atopaban Izco,
Autocares M. García ou AMTEGA.
Na presentación do
certame tamén interveu Eduardo Puig, que fixo un percorrido polos
diferentes tipos de diversidades funcionais máis comúns na
sociedade actual, ao tempo que lembrou que a porcentaxe de persoas
con estas características non para de medrar, en boa medida debido
ao envellecemento da poboación. “Queremos situar a diversidade
funcional na axenda pública, queremos visualizala a nivel local e
global”, dixo.
Beatriz Mato, pola súa
parte, cualificou a terceira edición do certame de “boa nova”.
Na súa opinión, “é moi positivo atopar grandes empresas que fan
esforzos pola inclusión social, e aínda é máis positivo cando
estas empresas estimulan e alentan a outras empresas e entidades a
sumarse á responsabilidade social empresarial”. Mato aproveitou a
ocasión para facer un chamamento ás empresas para que incorporen
nos seus equipos de traballadores a persoas con diversidades
funcionais, cognitivas ou psicomotrices. Para a conselleira, é bo
dar exemplo dende as grandes compañías, que xeralmente teñen máis
capacidade para ensinar estes esforzos.
Presentación de
candidaturas
Os Telefónica Ability
Awards constan de 10 categorías agrupadas en dous grandes
grupos: categorías absolutas e principais. As primeiras acollen os
premios a Mellor gran empresa privada, Mellor pequena empresa
privada e Mellor Organización do sector público, e
incorporan nesta edición unha nova categoría, Innovación para a
inclusión, coa que se premiará as mellores prácticas de
emprendemento tecnolóxico “que acheguen solucións para as persoas
con discapacidade, respondendo así ao potencial que ofrecen as novas
tecnoloxías para reducir a brecha da discapacidade”, informou a
operadora.
Esta nova categoría
artellarase a través da plataforma Telefónica
Open Future , plataforma na nube na que a compañía integra as
ferramentas de emprendemento e investimento do grupo e establece un
sistema de alianzas con socios estratéxicos, públicos e privados,
como a Xunta de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é crear “un
hub global de innovación aberta para impulsar a creación de
empresas e a innovación tecnolóxica, xerando de maneira indirecta
medre económico e emprego”.
As categorías principais
recoñecen, doutra banda, o Compromiso e liderado de alta
dirección; o
Recrutamento e selección; a
Accesibilidade do espazo físico;
a Orientación a clientes; o
Desenvolvemento profesional e formación; e a Prevención e
retención.
As empresas e
institucións galegas interesadas en participar nos Telefónica
Ability Awards poden presentar a súa candidatura até o 16 de
abril a través do formulario que está dispoñíbel na
web de seu. Despois, porase en marcha “un intenso proceso”,
composto por varias fases, e que durará preto de 10 meses.
Segundo fai saber a
operadora, o equipo de PwC, entidade verificadora dos premios e
responsábel de garantir a excelencia e a independencia do proceso,
será o encargado de recibir, custodiar e avaliar a validez e
solvencia das candidaturas remitidas, tamén de forma presencial,
para despois presentar ao xurado unha listaxe e un informe dos
mellores candidatos. O nome dos gañadores desvelarase durante unha
gala que terá lugar no primeiro trimestre do vindeiro ano. O actor e
presentador malagueño Pablo Pineda, gañador da Cuncha de Prata do
Festival de San Sebastián en 2009 e primeiro europeo con síndrome
de Down cun título universitario, exercerá como embaixador oficial
dos Telefónica Ability Awards.