The Huffington Post vaise á caza de Nova York

martes, 23 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Entre os medios de comunicación en liña que máis está a medrar en Estados Unidos (sobre todo en cuestión de tráfico, onde bate récords) atópase unha canle que mestura as máis modernas tendencias 2.0 (Internet participativa e social) cunha das máis vellas manifestacións da curiosidade humana: o lercheo. Falamos de The Huffington Post, o agregador dos famosos posto en marcha por Arianna Huffington, profesional do eido da comunicación á que lle gustan máis as celebridades cá nós os gadgets, afección que é a base da súa achega: información e máis información producida de primeira man por persoeiros dos que saen na prensa e sen importar a calidade literaria dos seus escritos. Segundo conta Juan Varela en Soitu, á Huffington pouco parecen importarlle as críticas (centradas sobre todo no uso que fai de textos alleos para poñelos no espazo propio de seu convenientemente envoltos e perfumados), de aí que xa estea a preparar (logo da experiencia previa en Chicago) o seu desembarco na cidade que para ela probablemente sexa a segunda do país onde máis celebridades se moven por metro cadrado, logo de Los Ángeles (Sunset Boulevard, Hollywood e demais periferias): Nova York.
A propia Huffington promete xa no seu medio de comunicación unha máis que coidada escolma da mellor cobertura informativa da cidade, ademais dunha colección de blogueiros de sona presente ou futura que devecen por compartir as súas visións sobre todo. As cifras non semellan estar na súa contra, aínda que a obriguen a ampliar negocio e pretensións: en abril acadou case 9 millóns de usuarios, cifra á que seguiu unha lixeira caída en maio até os 6,7. As pretensións deste ano logo do incremento de cobertura e da ampliación de blogs e webs que vai supoñer o seu afianzamento en Nova York son as de acadar unha facturación de 8 millóns de dólares.

PUBLICIDADE