Todo en marcha para que comece LibreCon, a gran festa galega do software libre e os negocios
mércores, 28 de outubro do 2015
Xa está todo listo para que comece (este xoves) o
congreso LibreCon 2015,
referente galego, estatal e internacional no ámbito do software
libre e a vertente máis empresarial das tecnoloxías abertas. O
evento, que abrangue dúas xornadas de intensa actividade no edificio
CINC da Cidade da Cultura (relatorios, mesas redondas, obradoiros,
demostracións, actividades para os máis pequenos, etc), vén da man
de AGASOL, ASOLIF
e o Clúster
TIC Galicia. Haberá empresarios, profesionais das tecnoloxías
sen cancelas, investigadores e responsables de administracións
galegas ligadas ao ensino e ao tecnolóxico, todos eles intercambio
información e dando a coñecer casos de éxito baseados en recursos
de código aberto. O congreso comeza ás 9.15 horas coa presentación
institucional a cargo de Xavier Castaño (AGASOL), Mar Pereira
(AMTEGA), Jorge Duarte (Concello de Santiago), David Olmos (ASOLIF),
Maite Agujetas (Grupo Santander) e Javier Aguilera (IGAPE).
Nun plano máis concreto, en LibreCon teremos
oportunidade de escoitar, de primeira man, aos responsables dalgúns
dos proxectos tecnolóxicos máis referenciais e vangardistas da
actualidade, xa non só dentro do ámbito das tecnoloxías libres,
senón das tecnoloxías en xeral. Xente como Victor Tuson,
vicepresidente de Canonical, Roberto Zompi, vicepresidente de
GENIVI-Magneti Marelli (Grupo Chrysler-Fiat) Dominig ar Foll
(arquitecto software en Intel Open Source), Jim Groom (director da
división de tecnoloxías do ensino na Universidade Mary Washington e
creador de Edupunk) ou Tin Hang Liu (director executivo de
OSVehicle).
As temáticas principais a tratar serán, entre
outras, a Internet das Cousas, o automóbil conectado e a educación.
Co obxectivo de compartir coñecemento, arredor de trinta charlas e
obradoiros dun gran número de empresas e representantes galegos e
estatais como por exemplo Igalia, ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou
Teléfonica (e máis entidades públicas como a Xunta de Andalucía
ou a Universidade de Granada) conforman unha
axenda cargada de sesións adicadas a dar a coñecer novas
iniciativas que amosen como as tecnoloxías abertas axudan á
xeración de negocio en todos os sectores de actividade.
A zona expositiva, premios e actividades sociais,
completan dúas xornadas repletas de tecnoloxía.
“Queremos
potenciar o traballo en rede e o intercambio de coñecemento arredor
de solucións baseadas en tecnoloxías abertas que aumenten a
competitividade e eficiencia das organizacións”, indicou
recentemente Xavier Castaño, presidente de AGASOL.
Un evento en familia, LibreKids
Co obxectivo de animar e facilitar a asistencia a
aquelas persoas que teñan interese en participar nas xornadas o
venres pola tarde, así como achegar a tecnoloxía aos máis
pequenos, LibreCon habilitará o novo espazo LibreKids. Neste
emprazamento haberá dous obradoiros dispoñibles para gozar da
tecnoloxía nas actividades en familia. O taller Enredando con
Mimadriña: origami e leds é unha proposta educativa e social
que emprega como ferramenta base o origami (arte de orixe xaponesa
baseada no pregado do papel) a partir de 5 anos. Pola súa banda,
Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas
achegará a robótica e a programación a nenos e nenas a partir de 6
anos. As actividades son de balde previo rexistro a través do sitio
web da conferencia.
