Todo listo para o comezo na Coruña das Xornadas Libres do GPUL
venres, 3 de outubro do 2014
A semana que vén, os
usuarios e desenvolvedores de programación aberta da nosa terra (e
os que aspiren a selo) teñen unha cita ineludible na Facultade de
Informática da Coruña. Falamos da edición número trece das
Xornadas Libres do
Grupo de Programadores de Usuarios de Linux (GPUL), unha xuntanza
referencial no ámbito do código aberto (non só a nivel galego) e
que conta cada vez con máis participación a todos os niveis (a
comunidade de usuarios de open source medra, e con ela os
casos de éxito e experiencias a expoñer). As sesións estenderanse
do 8 ao 10 de outubro. Serán tres días para a difusión de
hardware, software e cultura libre.
Segundo nos conta Pablo
Castro, secretario adxunto do GPUL, as xornadas teñen ás súas
costas un bo número de apoios, non só os integrantes da asociación,
senón tamén unha fronte tecnolóxico-social integrada por antigos
alumnos da Facultade, empresas do sector TIC e asociacións
comprometidas co mundo da cultura e a tecnoloxía libres.
Pablo tamén nos lembra
que ao abeiro destes encontros impartiranse obradoiros do máis
variado, “dende introdución a
Arduino ou control de versións con Git, até
edición en Wikipedia, grazas a colaboración de Wikimedia España,
pasando por unha iniciación ao desenvolvemento de aplicacións web
con MongoDB e Python entre outros”. Haberá,
tamén, charlas sobre Javascript, Groovy On Grails, ferramentas
libres para mellorar a calidade do código, OwnCloud ou KDE. Entre
outros, falarán Vreixo González (OpenTripPlanner para Android),
José Millán Soto (KDE), Carlos Tomé (introdución a Haskell) ou
Jesús Amieiro (OwnCloud).
E
todo isto,
explican os organizadores, “nun ambiente universitario e nun
contexto enfocado sobre todo a estudantes e profesionais do sector,
abranguendo tanto niveis introdutorios como tamén avanzados”. Por
certo que a inscrición é de balde, tanto para as charlas como para
os obradoiros, e a día de hoxe xa está aberta. Poderemos facela a
través da sección específica habilitada na web do GPUL.
