Traballo quere ter operativo en 2007 o Centro de Formación en Novas Tecnoloxías de Santiago

martes, 10 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Segundo a Consellería de Traballo, o Centro de Formación en Novas Tecnoloxías que puxo en marcha en Santiago estará rematado o ano que vén. O proxecto, que leva un investimento de 4 millóns e foi presentado o pasado 13 de setembro, ten como principal obxectivo fortalecer a formación e a competitividade das empresas galegas de cara a abrirse camiño nun mercado cada vez máis vencellado ás novas tecnoloxías en tódolos procesos de xestión e negocio.
A iniciativa, que dará cobertura a un total de 36.222 empresas e fornecerá servizos de auditoría a 7.200, contará cunha rede de axentes locais de formación tecnolóxica, “que serán os responsables de achegar as iniciativas do centro ás entidades privadas, captando as súas necesidades en materia de formación”.
Estes axentes serán persoal de concellos, centros tecnolóxicos, clusters e outras axencias de desenvolvemento, formados e tutelados polo devandito centro. Segundo apunta a Consellería de Traballo a previsión é que se impartan unhas 10.000 horas de formación presencial, se tutelen preto de 10.000 horas de aprendizaxe virtual e se organicen 770 cursos formativos e 240 eventos de demostración varios.

PUBLICIDADE