Trasno pon á nosa disposición a contorna KDE SC 4.10 en galego
venres, 8 de febreiro do 2013
Toca falar de novo de boas novas relacionadas coa
nosa lingua e o software libre, dúas cousas que, xuntas, locen
especialmente ben. Se onte detallabamos
en Código Cero as características da versión 4.0 da suite
ofimática LibreOffice, dispoñíbel tamén en galego, hoxe é a
quenda da nova entrega da compilación de programas da contorna KDE,
a 4.10. Trátase, para situármonos, do máis recente chanzo subido
por KDE, que é como se coñece a unha comunidade de software libre
internacional e máis a unha das súas principais criaturas: un
paquete de programas para o ambiente de traballo (todo o que
precisamos decote para tirarlle o máximo proveito a un sistema
operativo calquera). Pois ben, segundo nos contan os membros da
asociación Trasno, responsábeis da adaptación á nosa lingua
destas e doutras moitas ferramentas (un traballo encomiábel que fan
de xeito voluntario para beneficio de todas e todos),
xa temos ao alcance da man a devandita versión 4.10 do paquete da
contorna libre.
Entre o que nos achegan inclúese o espazo de
traballo Plasma 4.10, que mellora con respecto a anteriores entregas
a interacción con dispositivos móbiles e que foi obxecto de
importantes optimizacións no deseño gráfico e visual, ao tempo que
tamén se impulsou a empregabilidade e máis o rendemento. Tamén, de
cara aos desenvolvedores, a nova plataforma de desenvolvemento KDE
4.10 incorpora máis APIs a QT Quick. Segundo
informan dende Trasno facendo referencia ao posto privilexiado da
nosa lingua (por separado e como galego-portugués) no panorama
internacional de fornecemento de programas abertos, “o
galego está entre unha das poucas linguas ás que se traduciu KDE ao
completo para este lanzamento”.
No grupo de localización de
KDE ao galego, coa coordinación
de Marce Villarino e as traducións de Adrián Chaves, Xosé Calvo,
Xabier Villar e Miguel Branco, chegouse a obter a interface gráfica
de KDE totalmente traducida en con moitos módulos revisados de novo
por completo.
“A
documentación do proxecto”,
informan, “está ao
55%, algo ben difícil de conseguir nun proxecto tan amplo; agora
intentarase a localización doutros recursos, non só de textos das
interfaces, e a continuar a mellora da calidade das traducións
feitas”.