Tres ducias de webseries competirán en Carballo Interplay (9 galegas)

mércores, 20 de abril do 2016 Redacción

A terceira edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay vai ser unha edición salientábel tanto dende o cualitativo como dende o punto de vista do cuantitativo. Segundo nos conta a organización, até 36 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial. O certame, como lembraremos, desenvolverase os días 5, 6 e 7 de maio. Repartiranse máis de 5.000 en premios. O comité de selección (media ducia de profesionais do audiovisual e da Rede) elixiu, entre máis de 122 propostas chegadas de todo o mundo, un total de 9 webseries galegas, 15 do resto do Estado e 12 do resto do mundo.
Entre as internacionais hai achegas audiovisuais de Arxentina, Nova Zelandia, EE UU, Canadá, Francia, Alemaña, Reino Unido, Italia e Suíza. 30 delas competirán polo premio á mellor contribución de imaxe real e 6 á de animación, 12 ao premio á mellor webserie internacional e 7 á de versión orixinal en galego.
“O Carballo Interplay deste ano”, sinalan dende o Concello bergantiñán, “ofrece con todos estes contidos unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo do audiovisual ligado a Internet a nivel global”. Por temáticas, xéneros e perspectivas, salienta o ton de comedia: 28 das 36 finalistas son comedias. Porén, as temáticas son moi variadas: ciencia ficción, viaxes, aventura, sátira política, etc. Segundo lembra a organización, “tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller”, e máis “un amplo abano de mesturas e de experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo”.
As 36 achegas finalistas proxectaranse en seis bloques -un de versión orixinal en galego, dous internacionais e tres do Estado- nas tardes do xoves 5, do venres 6 e do sábado 7, no Auditorio de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e de balde até completar aforo.
As webseries galegas elixidas son: PIB (Produto Interior Bruto), Gafas e Pallaso, Dalle Jas, Chola&Lola, Veciños, Poetarras, Teño unha horta en San Sadurniño, Orfanato Atroz e El método sueco (estas dúas últimas, en castelán). As do resto do Estado son: Briget Jon de Triana, Beto, Rubia en apuros, Dos más dos cinco, La Supercafetera, Viveylate, Waytrippers, Pedro Reyes for president, Niño Ratón, El Colega Canario, El Partido, Crisis Cartoons, Breaking Bed, Black Stuff e Les coses grans. E as do resto do mundo son: Whatever Linda, Mundillo, Instrucciones para humanos, Zozo "The Fugitive Of The Space", Aventuras de corazón roto, K Rd Stories, Night School. The Web Series, Emmas Welt, El Caso Q, Arthur, The MUTE Series e Status.
As seis persoas encargadas de elixir as gañadoras serán Noel Ceballos, xornalista especializado en cultura popular; Miriam Hernanz, directora do Lab de RTVE.es; Niko Gómez, creador da exitosa webserie Cálico electrónico; Carlota Núñez, unha das youtubers galegas con meirande “comunidade” de seu; Araceli Gonda, en representación da Asociación Galega de Guionistas; e Jorge Coira, en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. O resultado da súa deliberación coñecerase na gala de clausura, conducida por Yolanda Muíños, o sábado 7 ás 20h, no Auditorio.

PUBLICIDADE