Twitter mellora a súa aplicación para iPad

xoves, 19 de decembro do 2019 Marcus Fernández

En 2010 Twitter estreaba aplicación oficial para iPad, converténdose nun dos clientes de Twitter máis orixinais e prácticos ao contar cunha interface de uso baseada en paneis deslizantes que abría novas mecánicas de uso e aproveitaba o espazo en pantalla. Pero un par de anos máis tarde optaron por unha unificación das interfaces para dispositivos móbiles de Twitter, ou sexa, que o Twitter para iPad deu un xigante paso atrás, converténdose basicamente nunha versión xigante da aplicación para móbiles.
Nas últimas horas Twitter está a recibir unha nova versión da súa aplicación para iPad, que volvería aproveitar o espazo da pantalla, xa que contaría cun deseño de até 3 columnas diferentes, de xeito que en pantallas grandes temos máis información, en vez de contar cunha pantalla con grandes espazos en branco ao lados.
Este novo deseño de Twitter para iPad está a activarse entre os usuarios de xeito progresivo, e traslada o menú da aplicación a un lateral, cos contidos principais no centro da pantalla, e no lateral dereito, en vez dun espazo en branco preséntase información sobre tendencias ou relativa a onde nos atopemos dentro de aplicación.
Estamos ante un cambio que non supón un importante cambio a nivel funcional, polo que poderiamos velo como un simple achegamento á versión web do servizo, pero non cabe dúbida en que estamos ante unha mellora dunha aplicación moi criticada, por non estar adaptada ao tamaño de pantalla do dispositivo no que corre.

PUBLICIDADE