Ubuntu actualizará Firefox de xeito automático
mércores, 2 de xuño do 2010
As persoas que no seu día a día
empregan Ubuntu no tocante do sistema operativo máis empregado do mundo para
poñer a andar os seus ordenadores: o Windows en calquera das súas versións,
están agora de noraboa xa que ás súas incontables virtudes engádese o feito de
que actualizará de xeito natural e automático as versións importantes do
navegador Mozilla Firefox.
Así o vén de anunciar Sebastien
Bacher, do equipo de escritorio de Ubuntu, quen dixo que o seu grupo de
traballo está a buscar a maneira de formalizar dunha vez por todas as
actualizacións importantes de Firefox, segundo apuntou, “ao ritmo de Mozilla e con parches de seguridade incluídos”.
Ata o de agora, tanto Ubuntu como
outros sistemas operativos baseados en Linux eran incapaces de actualizar as
versións do Mozilla Firefox porén, malia que este cambio aínda está en proceso
e que existen algunhas complicacións técnicas, o certo é que, segundo palabras
de Bacher, “o camiño cara o novo modelo
de soporte para Firefox en Ubuntu será máis doado en Lucid que en Hardy, Jaunty
e Karmic”.
Noutras palabras, o equipo
dedicado ao escritorio de Ubuntu busca formalizar as actualizacións importantes
de Firefox e en vez de portar as actualizacións de seguridade a esas versións,
“estanse movendo cara un novo modelo de
soporte onde introducirán novas versións principais en versións estables”
Sexa como sexa, o caso é que a
vindeira semana, de seguir este camiño, “Mozilla
liberará unha versión menor da serie 3.6, a cal será enviada de maneira
experimental a Lucid e aos seus predecesores a través dun PPA”.
Firefox é posiblemente o
navegador preferido das persoas usuarias de Ubuntu polo que a súa actualización
automática suporá, segundo apuntan dende a web
especializada en software Bitelia, “un
considerable beneficio en empregabilidade, que lles aforrará tempo e esforzo en
incómodas actualizacións, sobre todo aos menos expertos”.
