Últimos detalles para o obradoiro de criptoloxía que acolle a Facultade de Informática da Coruña

venres, 11 de maio do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 16 de maio ás 10:00 horas, dará comezo na Facultade de Informática da Coruña unha conferencia sobre criptoloxía e seguridade, da man do experto internacional en seguridade informática, Ross Anderson, profesor da Universidade de Cambridge.
Anderson, que ten participado en varios desenvolvementos criptográficos como as primitivas Bear, Lion e Tiger, ou o código de cifrado de bloques Serpent, é un activo defensor das liberdades no mundo dixital así como un incansable investigador en materias relacionadas coa seguridade.
Este relatorio, que leva por título Cryptology and security, where is the research frontier?, enmárcase no IV Obradoiro de Criptografía, Privacidade e Seguridade, que organiza a Asociación Universitaria GPUL para dar conta de todo o relacionado coa administración de sistemas informáticos e programación en contornas seguras.
Xa que logo no ciclo, que se desenvolve entre o 14 e o 16 de maio, ademais de Anderson prevese a intervención doutros expertos locais da materia, tales como Jesús Pérez, de Quobis, e Carlos Pérez, de Igalia, que falarán, entre outros aspectos, da xestión de incidentes en seguridade.
Tamén intervirán Vreixo Formoso e Víctor Prieto, que exporán cuestións sobre a seguridade das contrasinais; Daniel Murías, da Facultade de Informática, que falará sobre o mecanismo Port Knocking ou Alejo Pacín, do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, que achegará a súa visión baixo o punto de vista do software libre.
Na clausura das xornadas, e logo da intervención do profesor Ross Anderson, ofrecerá un relatorio José Mato, da Facultade de Informática da UDC, que versará sobre seguridade nas aplicacións web.

PUBLICIDADE