Últimos días para solicitarmos o apoio competitivo dos programas Innovapeme e Deseñapeme de GAIN
martes, 8 de agosto do 2023
O
vindeiro
luns, 14 de agosto, pecha a convocatoria conxunta dos programas de
axuda InnovaPeme e DeseñaPeme da Axencia Galega de Innovación
(GAIN), que perseguen impulsar a innovación e o deseño nas
pequenas e medianas empresas galegas cun orzamento de 4,5 millóns de
euros.
Nesta
edición convócanse conxuntamente ambos os dous programas para “dar
resposta ás necesidades das pemes”, especialmente “aquelas menos
innovadoras de sectores máis tradicionais”, abranguendo dous tipos
de plans: plans de deseño que inciden no deseño de produto, de
servizos e experiencias ou de marca e identidade corporativa e plans
de innovación centrados en actividades, procesos ou en organización.
O
obxectivo é apoiar 60 plans de deseño e innovación cunha
intensidade da axuda do 50%, conseguindo así unha mobilización de 9
millóns de euros. Entre as novidades, inclúense como beneficiarias
as entidades do terceiro sector social sen ánimo de lucro así como
as empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación),
fináncianse os custos indirectos e incorpórase como requisito
realizar actividades de difusión para chegar mellor á sociedade e
servir de exemplo para outras compañías.
O
orzamento subvencionábel deberá estar entre os 50.000 e os 150.000
euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás
dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas
outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.
En
palabras de GAIN, estes programas teñen por obxectivo “promover
unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes
galegas, incrementar o número de empresas que teñen a consideración
de innovadoras, aumentar a súa competitividade, potenciar a
colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes
do ecosistema, favorecer a comercialización de resultados da I+D+i,
incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no
tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades
innovadoras”.
Desde
a súa posta en marcha, estes programas permitiron impulsar 246
actuacións cun investimento público-privado próximo aos 40 millóns
de euros.