Un curso contribuirá á dinamización da lectura dixital a través das bibliotecas galegas
luns, 28 de maio do 2012
Para aproveitar
o potencial dos novos soportes electrónicos e da web social a Secretaría Xeral
de Cultura programa un curso para dar
a coñecer novas ferramentas e experiencias prácticas de dinamización da lectura
dixital entre o persoal da Rede de Bibliotecas de Galicia.
A Biblioteca
de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acolle entre hoxe e
mañá a realización desta iniciativa, na que o alumnado terá a posibilidade de
coñecer os novos soportes de lectura, así como recursos e experiencias
prácticas para impulsar a alfabetización dos usuarios e usuarias das
bibliotecas na lectura dixital. A coordinadora da Área de Promoción da Lectura
no Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Elisa Yuste, é a encargada
de impartir este curso, no que tamén se analizan as necesidades de lectura
entre as franxas poboación máis novas.
Os contidos
do curso estrutúranse en catro grandes apartados. En primeiro lugar, abórdanse
os novos soportes de lectura, tanto no referente aos dispositivos como aos
contidos, e ofrécense pautas para a súa análise e selección. En segundo lugar,
inclúense contidos sobre os ámbitos web na promoción da lectura, desde o punto
de vista da información e da comunicación, así como da interacción e da
creación de contidos. En terceiro lugar, presentaranse exemplos de iniciativas
de interese arredor de webs de autores e obras, de clubs na nube e de xogos en
liña. Finalmente, analizaranse as características e niveis de comprensión
lectora do público infantil e xuvenil, así como a súa satisfacción e
apropiación de dispositivos.