Un proxecto facilitará 24 estadías sobre arte dixital noutras rexións europeas a mozos profesionais
mércores, 13 de xullo do 2011
A Dirección Xeral de
Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén
de lanzar o proxecto Imaxina Atlántica
que, ao abeiro do programa Espazo
Atlántico financiado con fondos FEDER, oferta
24 estadías noutras rexións de Europa para mozos e mozas profesionais de entre
18 e 30 anos centradas na arte dixital.
En concreto, o programa desenvólvese
nos ámbitos da Comunicación Audiovisual, Publicidade, Produción Artística,
cultural e visual, Multimedia, Patrimonio ou Turismo aplicado á arte dixital,
en Porto (Portugal), Bangor (Gales, Reino Unido), e Angoulème (Francia) e os
mozos interesados poderán enviar a súa
candidatura por correo electrónico.
A iniciativa oferta 12 estadías
de 15 a 30 días de duración que inclúen viaxe, aloxamento e manutención; e
outras 12 de 3 ou 4 días para asistir á certames internacionais, feiras
internacionais ou exposicións.
O obxectivo desta
actividade é fomentar a formación dos mozos profesionais, nun contexto europeo,
axudando á realización de estadías en empresas, asociacións e institucións
doutras rexións de Europa, con fin de favorecer o fortalecemento e a creación
de redes empresariais desde o espazo atlántico e ofrecer aos participantes
prácticas profesionais, adquisición e uso de coñecementos, competencias e
cualificacións con vistas ao desenvolvemento persoal, a empregabilidade e a
participación no mercado laboral europeo.