Un respaldo intelixente e un videoxogo personalizable, entre os proxectos premiados na Coruña no certame KiiCS

mércores, 2 de abril do 2014 Redacción

Alba e Uxía logo de recoller o galardón/ Imaxe: Faro de Vigo

Finalmente entregáronse na Coruña, este sábado na Domus, os galardóns do certame KiiCS de Arte, Ciencia e Tecnoloxía, un concurso convocado polo Concello a través dos seus Museos Científicos e en colaboración coa Fundación Barrié (educaBarrié). Como lembraremos, estes recoñecementos convidan aos alumnos de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos a desenvolver proxectos innovadores en calquera dos ditos eidos. Ou sexa, proxectos que teñan o aquel de cousa non vista e que ademais poñan en xogo o factor utilidade. As gañadoras foron Alba Fernández González e Uxía García Vázquez, alumnas das Aulas Tecnópole, grazas ao seu respaldo intelixente.
A súa achega, que xa causara un gran interese na pasada edición da feira Galiciencia (onde Alba e Uxía impuxéronse na categoría de Bacharelato), consiste nun respaldo para todo tipo de cadeiras de traballo que nos avisa cun sinal cando non adoptamos unha postura correcta. Precisamente no salón de novas vocacións científicas organizado pola Tecnópole tivemos ocasión de saber máis detalles sobre o enxeño, entre outras cousas que inclúe un circuíto eléctrico e unha serie de elementos que teñen en conta a curvatura media ou normal da rexión lumbar das costas. Agora, para o xurado de KiiCS, o seu proxecto salientou sobre todo pola súa orixinalidade e por buscar unha solución a un problema real. Por certo que a iniciativa non é nin moito menos unha iniciativa pechada, xa que está aberta á incorporación de novos recursos innovadores. Por exemplo: a inclusión dunha alerta de son.
Con todo, houbo máis proxectos recoñecidos ao abeiro de KiiCS, e algún deles moi relacionado coas novas tecnoloxías. Ao fío disto, o xurado do cito certame (financiado pola Unión Europea para tender pontes entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía), decidiu outorgar o segundo galardón (un segundo premio compartido) a Xabier García Casas, que segundo informa a Aula Tecnópole (da que tamén forma parte, ao igual que Alba e Uxía) presentou “un videoxogo programado por el mesmo partindo de cero, cuns coñecementos básicos de programación nunha linguaxe chamada Processing e cun presuposto de cero euros”. Segundo se nos fai saber, o miolo do seu proxecto é a inclusión dun módulo que permite que cada xogador teña ao seu dispor a personalización do propio xogo, dando forma a un avatar de seu. Xabier García Casas compartiu o segundo premio con dous estudantes de Cambre que idearon un sistema que alerta sobre temperaturas extremas en instrumentos musicais para evitar que se danen. Esta iniciativa, chamada Alerta, moita calor!, veu da man de Olalla Álvarez García, Alicia González Míguez e Sara González Míguez, estudantes do IES David Buján de Cambre.
O terceiro premio tamén foi compartido. Parte do mesmo foi para David Alonso, tamén alumno das Aulas Tecnópole, que deseñou un sistema de detección de infraccións en baloncesto aplicando a tecnoloxía Lego Mindstorms Nxt. Compartiuno cun estudante de Santiago, Álvaro Lafuente Díaz (Colexio Peleteiro), que presentou o proxecto Espellos e información.