Unha investigación sobre Tolkien xermolada en X representará á UVigo na final de HiloTesis

mércores, 26 de xuño do 2024 S. P.

Unha investigación sobre a pegada do mundo celta en O señor do Aneis vai representar á UVigo na final estatal do concurso #HiloTesis. A autora da tese, Noelia Ramos, resumiu para o seu traballo anos de traballo nun fío na rede social X que lle valeu o pase á fase nacional do concurso, no que se medirá aos representantes doutras 50 universidades de todo o ámbito estatal.
A finalidade deste certame, impulsado pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) e a Fundación Ignacio Larramendi, é dar a coñecer as teses de doutoramento en formato de fío, nas redes sociais X (antes Twitter), Threads, Bluesky e Mastodon, ou utilizar o carrusel de imaxes de Instagram.
Noelia Ramos optou por X e, ao longo dunha narración de 19 chíos e numerosas imaxes, explica a un público xeral as similitudes existentes entre o mundo creado polo escritor inglés e a mitoloxía celta, unha relación moi debatida polos tolkienistas, que negan a presenza e inspiración destes elementos pagáns na súa obra.
A investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da UVigo competirá con representantes doutras 50 universidades españolas na fase final deste certame. Á hora de resumir anos de traballo nun fío, Noelia Ramos explica que o máis complexo foi escoller que partes consideraba máis ou menos relevantes, xa que tivo que acoutar bastante pensando en aquilo que podería atraer máis ao público. Porén, recoñece que concretar todo o seu traballo en 20 chíos “non foi una tarefa difícil”, pero si precisou sentarse e discorrer, nun proceso de ensaio e erro.
Sobre o certame, engade que “nun país como o noso, no que o mundo da investigación moitas veces semella estar desdeñado, este tipo de concursos ofrecen a posibilidade de dar a coñecer o traballo dos investigadores ao público xeral, xerando unha simbiose moi interesante e produtiva”.
En total, nas fases locais de todas as universidades participantes rexistráronse 368 fíos, cinco na Universidade de Vigo. De entre eles, o xurado local elixiu a proposta de Noelia Ramos polo “seu impacto visual, limpo e homoxéneo, así como pola existencia de contido propio e correctamente incorporado que axuda a complementar a narración”. Ademais, valorou de xeito especial “que mediante o uso de imaxes consegue transmitir e contaxiar a paixón da investigadora, o que fai que o público desexe coñecer máis acerca do seu estudo”.
Os tres fíos finalistas da UVigo recibirán un diploma por parte da Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación para recoñecer e premiar a súa participación, aínda que só o finalista competirá a nivel nacional. Os fíos escollidos polas 50 universidades participantes serán avaliados por un xurado nacional seleccionado por RedDivulga. Este xurado estará composto por un mínimo de cinco membros dos que ao menos tres serán expertos en comunicación, máis un representante da Fundación Ignacio Larramendi. O fallo producirase na primeira quincena de xullo de 2024.

PUBLICIDADE