Unha parte importante das vivendas con antena colectiva aínda non fixo as adaptacións do Dividendo
luns, 16 de marzo do 2015
O proceso do Dividendo
Dixital, o procedemento polo cal se debe despexar a banda de
frecuencia até o de agora ocupada para a difusión de canles de TV
(a banda dos 800 MHz, ou sexa as canles 60 a 69), conclúe de maneira
definitiva este 31 de marzo. O Dividendo, que deixa ceiba a dita
banda para o despregue de servizos avanzados de comunicacións en
mobilidade (tecnoloxía 4G), obriga aos cidadáns a unha serie de
medidas, de diferente complexidade dependendo de cales sexan as
características da súa vivenda ou localización. No extremo máis
complexo atópanse os fogares con antenas colectivas, moitos dos
cales, segundo apuntan o Goberno central e autonómico, aínda non
fixeron as adaptacións precisas para recibir as canles de TV nas
novas frecuencias.
Como dixemos, o proceso afecta a todos os cidadáns,
aínda que non de igual maneira. Para comezar, atinxe a España pero
tamén a toda Europa. De feito, a liberación do Dividendo é un
traballo que se está a desenvolver de xeito harmonizado en toda a
contorna da Unión, implicando que as canles de televisión que se
atopaban na banda a liberar se foran emprazando ao longo destes meses
noutras frecuencias.
En Galicia, sinala o Goberno autonómico, o Dividendo
Dixital afecta a todos os fogares xa que tanto as canles de TVE coma
das televisión privadas de cobertura estatal están a ser
trasladadas a outras frecuencias, ao igual que as canles de ámbito
autonómico (TVG, TVG2 e V Televisión) no noroeste da provincia da
Coruña e na provincia de Pontevedra, obrigando a resintonizar os
aparatos receptores.
No caso das vivendas que comparten unha instalación de
recepción colectiva (xeralmente edificios con 3 ou máis vivendas)
resulta preciso pórse en contacto cun instalador de
telecomunicacións rexistrado para que realice as adaptacións
necesarias na antena colectiva do edificio, antes de proceder á
resintonización dos receptores nas vivendas.
Segundo lembran estes días os Gobernos central e
galego, “cómpre non demorar a solicitude de adaptación das
instalacións de antena colectiva pendentes de reaxustar, dada a
proximidade do día 31 de marzo e que aínda resta por adaptar un
elevado número de instalacións”.
O Ministerio de Industria, a través da Secretaría de
Estado de Telecomunicacións e da Sociedade da Información, activou
unha liña de axudas dirixida ás comunidades de propietarios para a
adaptación das instalacións colectivas de recepción de TV. O prazo
de solicitude está aberto ata o 30 de xuño. Os beneficiarios deben
aportar factura da empresa instaladora. As subvencións oscilan entre
os 150 e os 500 euros, en función do alcance da adaptación.
Pola súa parte, os cidadáns que reciben as canles a
través da TDT SAT, non se verán afectados por este proceso.
Fases do Dividendo Dixital
Logo da reordenación de canles levada a cabo o 26 de
outubro do pasado ano, que obrigou á resintonización de boa parte
dos receptores, iniciouse o proceso de antenización e
resintonización, que consistiu, primeiro, en acometer as adaptacións
precisas na antena comunitaria dos edificios de tres ou máis
vivendas, e segundo e máis sinxelo, en sintonizar de novo os
receptores vivendas para recibir de xeito correcto as canles
afectadas polo Dividendo Dixital nas novas frecuencias (antes de que
remate o prazo establecido para o cese, prazo que foi ampliado do
inicial 31 de decembro pasado ao vindeiro 31 de marzo).
Co obxectivo de facer máis doado o proceso de
adaptación das antenas, as cadeas de TV activaron a emisión
simultánea das súas canles, tanto nas novas frecuencias asignadas
coma nas que cesarán o 31 de marzo, naquelas estacións que dan
cobertura a un número significativo de vivendas con antena
colectiva.
Na zona de cobertura das estacións sen emisións
simultáneas, deben volver sintonizarse os receptores e adaptar a
antena se é de tipo colectiva, coordinadamente cos reaxustes
programados polas cadeas de TV.
En relación ás actuacións na rede oficial autonómica,
a través da cal se emiten as canles TVG, TVG2 e V televisión, o 23
de decembro de 2014 executouse por parte do operador galego RETEGAL a
derradeira das actuacións de reaxuste ás novas frecuencias
previstas ao abeiro do plan para a liberación do Dividendo Dixital.
Dende ese día, cunha semana de anticipación sobre a
data límite anterior, é posíbel recibir o múltiple autonómico de
Galicia nas novas frecuencias en todas as estacións oficiais,
mantendo as emisións simultáneas nas estacións
que dan cobertura a un número significativo de instalacións
colectivas ata o 31 de marzo. Nesta data, como dixemos, producirase o
cese das frecuencias a despexar, como consecuencia do Dividendo
Dixital. Polo tanto, e isto é importante, aquelas vivendas con
antena colectiva que non efectuasen o labor adaptación deixarán de
recibir as canles que mudaron de frecuencia. Co fin de recuperalas,
informa o Goberno central e a Xunta a través de RETEGAL, será
precisa a adecuación da antena comunitaria por un instalador
autorizado e a posterior sintonización dos aparellos receptores de
cada fogar. Por certo que se a instalación non é de tipo colectivo,
pode resultar necesario sintonizar os aparellos e reordenar a listaxe
de canles para a situación final.
Información á cidadanía
O remate das emisións das canles afectadas polo
Dividendo dixital é un proceso que se desenvolve a nivel nacional
coordinado entre radiodifusores e dirixido polo Goberno do Estado, a
través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da
Información. “Os cidadáns”, informan as administracións
implicadas, “están informados de xeito permanente do proceso e
das súas implicacións a través da campaña de comunicación xeral
iniciada polo Goberno o pasado 15 de outubro de 2014, e que se
estenderá ata o 31 de marzo de 2015, a través de anuncios en
prensa, radio e televisión”.
Aínda que a data de cesamento establecida de xeito
xeral é o vindeiro 31 de marzo, nalgunhas zonas concretas pode ter
que realizarse en datas distintas por razóns técnicas. En calquera
caso, nos días anteriores ao cesamento previsto para cada centro
emisor intensificarase a comunicación a nivel local, detallando o
horario de remate ou dos cortes para o reaxuste, as localidades e as
poboación afectadas, as canles que cesan e a nova frecuencia na que
se activan e a hora a partir da cal os cidadáns poden facer unha
nova busca nos receptores para adaptar a listaxe de canles á
situación final. Para máis información, as 24 horas, recoméndase
visitar televisiondigigal.gob.es
ou chamar aos teléfonos 901 201 004 e 954 307 796.