Unha vintena de centros de toda Galicia incorporan ás súas aulas o modelo de Ponte... nas Ondas!
mércores, 3 de xaneiro do 2024
Unha
vintena
de centros educativos de toda Galicia incorpóranse este curso, nunha
primeira fase experimental, ao modelo de educación patrimonial
Ponte... nas Ondas!, recoñecido pola UNESCO en 2022. A
Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou a
resolución de centros seleccionados nunha convocatoria que espertou
o interese de case 40 centros de ensino. O proxecto Ponte...
nas Ondas!, como lembraremos, leva anos tendendo pontes de
irmandade entre escolares galegos e portugueses arredor do noso
patrimonio común e empregando formatos innovadores como,
principalmente, o formato podcast.
O
obxectivo desta iniciativa da Consellería é ir incorporando
progresivamente ao sistema de ensino público o modelo internacional
Ponte... nas Ondas!, recoñecido polas Nacións Unidas como exemplo
de boas prácticas en materia de sensibilización co patrimonio na
infancia.
Os
centros que se incorporan este curso á Rede de centros Ponte... nas
Ondas! son os reflectidos na seguinte listaxe:
– IESde Catabois – Ferrol
– IES Plurilingüe Fontexería – Muros
– CPI Plurilingüe Antonio Faílde – Coles
– CEIP Plurilingüe Ben- Cho-Shey – O Pereiro de Aguiar
– CPI Virxe da Saleta – San Cristovo de Cea
– IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez – A Estrada
– IES Plurilingüe Terra de Turonio – Gondomar
– CEIP de Petelos – Mos
– IES de Ponte Caldelas – Ponte Caldelas
– IES do Barral – Ponteareas
– IES Luís Seoane – Pontevedra
– IES Sánchez Cantón – Pontevedra
– CEP Altamira – Salceda de Caselas
– IES Pedras Rubias – Salceda de Caselas
– CEP Carlos Casares – Salvaterra de Miño
– IES de Salvaterra de Miño – Salvaterra de Miño
– IES Indalecio Pérez Tizón – Tui
– CEIP Plurilingüe Seis do Nadal – Vigo
– EEI Vila Laura – Vigo
– IES Politécnico de Vigo – Vigo
Escola,
radio, patrimonio e lazos coa lusofonía
O
modelo Ponte... nas ondas! naceu da man da Asociación Cultural e
Pedagóxica que leva o seu mesmo nome no ano 1995 na Eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal, como fórmula para favorecer o
estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa das escolas do
sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía e para
tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses, botando
man das novas canles da información e dos contidos dixitais como os
audios podcast.
A
este obxectivo, en 2002 incorporouse o compromiso para a recuperación
e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común para Galicia e
Portugal. En 2022, o XVII Comité Intergubernamental da UNESCO
aprobou a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas do
Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO como un modelo de
referencia.
Coa
incorporación paulatina deste modelo ao sistema educativo público
galego búscase “reforzar a implicación dos nenos e mozos nas súas
propias tradicións e crear conciencia sobre a importancia do
patrimonio cultural inmaterial, a valorización do propio e garantir
a transmisión ás novas xeracións ao tempo que seguir traballando
en afianzar os lazos coa lusofonía e o vínculo con Portugal”. Os
centros educativos participantes contarán cunha serie de recursos e
serán recoñecidos como centros Ponte... nas ondas! Modelo de boas
prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).