Unha xornada en Compostela introducirá ao desenvolvemento de aplicacións para Firefox OS

venres, 3 de maio do 2013 Marcus Fernández

Entre os días 10 e 12 de maio o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia amparará a celebración da XIV edición de Xuventude Galicia Net, escenario que aproveitan dende Mozilla para organizar un dos seus Firefox OS App Days en Santiago de Compostela, de xeito que o sábado 11 ás 11:00 horas poderemos acudir a unha destas xornadas (sen precisar estar inscrito no XGN) para aprender, hackear e gozar do novo sistema operativo móbil de Mozilla.
Esta actividade está dirixida a desenvolvedores que poderán ver como crear aplicacións baseándose en tecnoloxías HTML5, JavaScript e CSS en Firefox OS, para o que recibirán formación sobre como acceder ás súas API web e aprenderán como usar o simulador de Firefox OS para escritorios informáticos (que vén de estrear a súa versión 3.0).
A App Day é unha oportunidade para contar coa axuda de técnicos de Mozilla para instruírse na creación de aplicacións móbiles para Firefox OS, tendo que acudir os interesados ao evento co seu ordenador de desenvolvemento (Linux, OS X ou Windows) e dispositivos móbiles, achegándolles os técnicos o resto de ferramentas precisas para poder crear unha aplicación móbil e publicala no Firefox Marketplace.
Esta xornada estará composta por varias sesións:
- 11:00 – Mozilla, comunidade e proxectos
- 11:20 – Introdución a Firefox OS e Marketplace
- 11:40 – Arquitectura xeral do sistema
- 12:00 – Descanso
- 12:15 – Responsive design e Building Blocks
- 12:40 – WebAPIs e exemplos prácticos
- 13:15 – Sesión de preguntas
- 13:45 – Descanso para xantar
- 15:00 – Hackaton
- 19:00 – Presentación de demos
Para participar do Firefox OS App Days Santiago de Compostela é preciso inscribirse vía web.