Unhas 50 persoas participaron en Lugo nunha xornada sobre eAministración no local

luns, 31 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

A teoría e práctica a Administración Electrónica están aínda por escribir. Sábese que hai que apostar por ela e que ese é o camiño axeitado para percorrer, pero é ben complicado ver claro alén dos primeiros metros. Dito doutra maneira: facer prognósticos sobre as novas tecnoloxías aplicadas á relación dos cidadáns cos seus organismos públicos é case tan difícil como elaborar o parte do tempo para dentro dun mes. Co fin de poñer pé en terra firme a aproveitar os parámetros seguros (que os hai) para facer previsións válidas e análises críticos do que está a acontecer, o Centro de Empresas de Innovación de Lugo vén de acoller as xornadas Mellores prácticas no uso das TIC no ámbito municipal, organizadas pola Universidade de Santiago e a Fundación Jaime Vera e patrocinadas pola Fundación Telefónica.
Máis polo miúdo e segundo indica a USC, os encontros -nos que participaron até medio centenar de persoas procedentes do ámbito institucional, o empresarial e o educativo, incluídos estudantes do Campus lucense-, serviron para analizar o grao de implantación en concellos socialistas de proxectos de novas tecnoloxías e administración. Asemade, e como xa dixemos, tentouse ollar cara ó futuro e identificar os proxectos concretos máis avanzados en materia de comunicación total entre os cidadáns e concellos a través do emprego das novas ferramentas.
Segundo a Universidade, este encontro sobre as vantaxes da Administración Electrónica (máis axilidade e eficacia nos trámites, máis participación dos veciños na vida pública, máis vida imitando as posibilidades de comunidade online que achega a Rede) constitúe a primeira actuación programada pola Aula TIC-Pemes do Campus de Lugo de forma pública e, tamén, é a estrea da cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social na cidade de Lugo, dende a súa fundación no mes de xaneiro deste ano.
A xuntanza, que foi inaugurada polo vicerreitor de Coordinación do Campus da cidade da Muralla, Carlos Herrero, contou coa presenza da directora da cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social, Elena Vázquez Cendón, quen fixo fincapé no papel deste evento como ferramenta para poñer en valor a transmisión do coñecemento á sociedade, que, a fin de contas, sería (polo menos no plano teórico) a principal beneficiaria do arranque definitivo da Administración Electrónica a todos os niveis.
Tamén acudiron á xornada a directora da aula TIC-Pemes da USC, María Ángeles López Cabarcos, e a responsable de avaliación e calidade da Fundación Jaime Vera, Nuria Lera. Tanto para elas como para Herrero e Vázquez Cendón, o máis perentorio a día de hoxe é acadar máis coordinación entre os concellos e os órganos públicos superiores co fin de homoxeneizar propostas, asentar políticas transversais e, tamén, levar a cabo encontros como o celebrado en Lugo, que serven para facer fronte común.
O programa do encontro
O programa dividiuse en dúas mesas redondas, ás 10:30 e ás 12:30 horas. A primeira, co título Experiencias municipais nas novas tecnoloxías, estivo moderada pola concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela. Participaron o director de Novas Tecnoloxías no Concello lugués, Efrén Arias Jordán, e a directora de Sistemas de Información, Informática e Cartografía do Concello de Leganés, Virginia Moreno Bonilla.
No coloquio sobre Presente e futuro da innovación tecnolóxica nos concellos, moderado por Javier Franco Tubío, director da Área TIC da USC participaron o director Territorial de Galicia e Asturias de Telefónica España, José Ángel Veiga Abeledo; o xefe do Departamento de Atención Cidadá do Concello da Coruña, José María Ares Abalo, e o concelleiro de Innovación de Sevilla, Juan Antonio Martínez Troncoso.
A clausura estivo a cargo do alcalde de Lugo, José López Orozco; o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, David Cierco Jiménez de Parga, e a vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez.

PUBLICIDADE