Unmillóndecliks.org: solidaridade a golpe de rato

xoves, 21 de decembro do 2006 Raquel Noya

Cantos clicks podemos chegar a facer co rato ó longo dunha dura xornada de traballo? Supoño que ninguén se puxo a contalos (ou si?) pero seguramente serán moitos. Tanto é así, que conscientes diso, M80 Radio, Trina e Axuda en Acción propuxeron un reto: que un millón de persoas entren na web unmillondeclicks.org e, unha vez alí, a golpe de rato, axuden a construír e equipar tres aulas educativas na zona rural de El Cortez, en El Salvador. E como? Cada click rexistrado nesta páxina supón unha achega de cinco céntimos de euro para facer posible que 120 nenos e nenas poidan ir á escola e recibir ensinanza de calidade.
O sitio web recolle a representación do proxecto nun gráfico cunha escola e o internauta pode comprobar como se van construíndo virtualmente e paseniño as aulas do colexio cos clicks de tódolos participantes.
Mediante este proxecto de axuda en liña, os organizadores pretenden dar a coñecer a falta de infraestruturas educativas axeitadas nos países desfavorecidos e contribúen, grazas á participación de todos, a mellorar a calidade educativa e a garantir o acceso á educación de tódolos nenos e nenas. A web manterase activa até acadar o millón de clicks e, cos fondos obtidos (do redor de 50.000 euros), farase posible a construción da escola.

PUBLICIDADE