Usuarios de software libre unen forzas en Mugardos para incrementar a presenza dos programas abertos

luns, 20 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Até catro días ininterrompidos de xogos, obradoiros, relatorios, foros e intercambio de coñecemento. Este foi, brevemente, o resumo da xuntanza organizada en Mugardos esta pasada fin de semana con motivo da celebración do Día Mundial da Liberdade do Software (o sábado 18). Estamos a falar da xuntanza kernel 2010 organizada na Casa da Cultura da devandita vila galega polo colectivo O Zulo. O encontro, que comezou o xoves polo serán e se estendeu até as 17.00 horas de onte domingo 19, contou coa presenza activa dos grupos galegos de usuarios e deseñadores de software libre e, dende o plano técnico, con todo tipo de material e recursos para acadar a máxima repercusión (conexión de 1 xiga, cámaras para a retransmisión en liña das actividades, software libre de vangarda para tirar o máximo rendemento dos equipos, etc).
Amais de dar acubillo a relatorios e concursos do máis variado, como os da Ciber Olimpíada (que incluíu relevos de CPU), o kernel 2010 tamén deu acollida a un debate exhaustivo sobre a repercusión que podería ter un espallamento masivo da programación aberta. No debate, que se desenvolveu baixo o epígrafe A significación do software libre na sociedade do século XXI, fixeron acto de presenza a maioría das agrupacións galegas de código aberto e AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre).
Ao longo do mesmo os participantes fixeron un percorrido polas consecuencias que un emprego universal deste tipo de programas tería na sociedade galega. A xuízo dos presentes, redundaría non só nun aforro importante de custes e investimentos dentro das administracións, as empresas e os usuarios (posto que o software libre é como mínimo máis económico, cando non de balde), senón tamén nun acceso á Sociedade da Información máis completo e diverso. Con todo, sinalaron, cómpre poñer en práctica unha serie de iniciativas para acadar un meirande medre na presenza software libre en tódolos eidos da sociedade galega, iniciativas ás que se lles irá dando forma os meses vindeiros e que serán analizadas cada ano nunha xuntanza colectiva onde se impulsarán (tamén) novas canles para a promoción dos valores da liberdade do coñecemento. Estas son, a grandes trazos, as liñas de traballo bosquexadas durante a kernel:
• Maior implicacións das administración públicas no desenvolvemento das políticas para acadar unha efectiva sociedade da información. Coherencia integral de políticas.
• Maior presenza nas actividades educativas
• Transversabilidade .
• Accións colectivas
A xuntanza celebrada en Mugardos tamén serviu para que o colectivo GALPón dese a coñece a versión 1.2 de MiniNo Alguadaira, un sistema operativo especialmente axeitado para computadores con recursos de hardware limitados. A presentación, que correu a cargo de Miguel Bouzada (da Asociación de Amigos de Linux de Pontevedra, tamén coñecida como GALPón), serviu para facer un percorrido por unha ferramenta que aposta claramente pola sostibilidade e a reciclaxe dos recursos informáticos, dous procesos imprescindibles na universalización do coñecemento. Na posta en longo da nova versión do sistema, que se retransmitiu tamén por vía web, Bouzada salientou as altas prestacións do mesmo no eido das tendencias internacionais da globalización:
• Substentabilidade
• Reemprego e reciclaxe
• Localización de software
• Plena funcionalidade e usabilidade

PUBLICIDADE