ViaGalicia 2016 amplía o número de finalistas
mércores, 22 de xuño do 2016
Os impulsores da
aceleradora ViaGalicia veñen de presentar en Lugo as novidades
da súa edición 2016, novidades entre as que se conta, por exemplo,
o incremento do número de propostas que poderán chegar á fase
final: de 15 a 19. Isto será posíbel pola incorporación de catro
ideas de negocio pertencentes ao sector aeroespacial. Participaron na
cita arredor dunha vintena de emprendedores do norte da nosa terra,
interesados en tirar proveito deste programa de aceleración de
empresas promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de
Galicia e que, por segundo ano consecutivo, abre
sede na Cidade da Muralla da man da Fundación CEL Iniciativas por
Lugo, co obxectivo de incorporar proxectos das dúas provincias da
franxa norte.
Esta primeira cita tivo
lugar na Ferraxaría Eventos & Co. Desenvolveuse con feitura de
xornada técnica e nela explicáronse os detalles da nova
convocatoria, facendo fincapé nas “marcas diferenciais”.
Participou Teté Vilar, responsábel de Emprendemento do Consorcio,
Carlos Alberto Vaamonde, técnico da Axencia Galega de Innovación
(GAIN), Rodolfo Ojea, coordinador da Fundación CEL, e Manuel Soto,
director executivo de Peryco, un dos proxectos lucenses que o pasado
ano chegou á fase final de aceleración de ViaGalicia.
En total, ViaGalicia
mobilizará nesta edición até 2.375.000 euros de financiamento para
emprendedores, entre préstamos participativos e achegas a fondo
perdido.
Segundo se fixo saber na
presentación, a iniciativa constitúe “unha excelente
oportunidade” para emprendedores innovadores, xa que facilita a
maduración de ideas, as fórmulas de traballo en rede e colaborativo
(networking e coworking), o acceso a posíbeis
investidores e, para os 19 proxectos que resulten finalistas,
financiamento de até 125.000 euros para o lanzamento (130.000 euros,
no caso de proxectos da sede de Lugo que cheguen á fase de
aceleración).
O prazo de inscrición de
proxectos ficará aberto até o vindeiro día 15 de xullo. Os
emprendedores interesados en máis información ou aclarar dúbidas
sobre a nova convocatoria de ViaGalicia poden poñerse en contacto
coa Fundación CEL no número de teléfono 982 28 41 50. Pódense
descargar as bases do programa nas webs da Fundación
CEL e ViaGalicia.