Videomatóns na USC para tomarlle o pulso á nosa lingua
martes, 5 de abril do 2011
Na liña do certame 24
horas galego fullscreen, desenvolvido pola plataforma en liña
GalegoLab para reflectir múltiples xeitos de vivir unha xornada falando galego,
vense de pór en marcha na Universidade de Santiago unha interesante iniciativa
para fomentar a creatividade audiovisual baixo unha temática ben concreta: o
presente e o futuro da nosa lingua. A proposta, tres sesións de videomatón para
a comunidade universitaria, vén da man da Comisión de Normalización Lingüística
da Facultade de Ciencias da Comunicación e máis da Liga Estudantil Galega. Segundo
informan, a primeira destas sesións desenvólvese este martes 5 de abril na
devandita Facultade, a partir das 10.00 horas.
A iniciativa, en certa maneira,é como
habilitar unha rede social vivinte: como verlle o miolo ao proceso de creación
e medre dunha comunidade en liña arredor dunha arela común.
Nun eido máis concreto, consiste en recoller múltiples
opinións entre os estudantes, os profesores e os traballadores en xeral da
Universidade compostelá sobre o futuro da lingua. Segundo informan os
organizadores, os traballos de gravación están abertos á colaboración do
estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación, “que poderán mostrar as súas habilidades creativas detrás da cámara e no
momento da edición do proxecto audiovisual, que se pretende distribuír pola
rede e por outras comisións de normalización da universidade”.
A vindeira sesión de videomatón desenvolverase
este venres 8 de abril, na Biblioteca Concepción Arenal (Santiago) e a terceira
e última, o 11 de abril na Biblioteca Intercentros, no Campus de Lugo.