Vigo acolle esta fin de semana un encontro a prol da cultura e a tecnoloxía ceibes
mércores, 9 de xaneiro do 2008

- A cultura libre vista no caderno de Dawn Endico.
A Rede, se temos en conta que en moitos aspectos é unha reprodución virtual e maximizada de cousas que xa existían na vida mesma, ten tamén (coma na vida) as súas frontes ideolóxicas: as moitas que oscilan entre as posturas ultra proteccionistas, por unha banda, e as da total liberdade de movementos e uso e expresión, pola outra. Precisamente arredor desta última fronte xirarán uns encontros que se van celebrar esta fin de semana en Vigo e que terán no punto de mira todo aquilo que impide dalgún xeito a comunicación e a creación ceibe a través do tecnolóxico.
Trátase das xornadas Contra-Meios, organizadas por Indymedia Galiza e coa colaboración dos Centros Sociais A Revolta e A Cova dos Ratos, Olholivre e Trebelab.
Segundo indican os responsables da xuntanza, a ela están convidadas todas as “indyxenas, cibors, geeks, freaks e persoas do ciberespazo e da bisbarra”. O programa do evento, que aínda ten un aquel de cousa provisional, vai encamiñado a descubrir e divulgar alternativas reais ós sistemas e redes pechadas de desenvolvemento artístico-tecnolóxico. Ou sexa: que do que se trata é de quitar do camiño todo aquilo que obstaculice o acceso do individuo á obra artística, programa, ferramenta tecnolóxica, código, proposta ou ideoloxía.
Este é o bosquexo da listaxe de actividades, que darían comezo o venres 11:
- Venres 11 ás 19:00 na Revolta.
- Palestra, obradoiro: Internet para colectivos a cargo de Trebelab.
- Sábado 12, Deseño e creación multimedia con ferramentas libres...
- Gimp/Inkscape/scribus, achegamento ao deseño gráfico, ás 12:00 no CSA
Cova dos Ratos.
- Xantar popular interactivo CSA Cova dos Ratos.
- Sesión de video sobremesa/sesta: audiovisuais queer 16:00 na Cova dos
Ratos.
- Cinelerra, edición de video a cargo de Olholibre, ás 18:00 na Revolta.
- Xuntanza de Olholibre, ás 21:00 na Revolta.
- Domingo 12 no CSA Cova dos Ratos.
- Encontro haclab difuso galego, ás 13:00.
- Xantar popular interactivo.
- Sesión de video sobremesa/sesta: Á caza de hackers (documental) 16:00
- Encontro aberto Galiza Indymedia ¿interesada en participar? ¡acudide!,
ás 17:00.
- Xuntanza equipa editorial, ás 18:00... boa oportunidade para coller.
novas enerxías.
