Vigo inaugura este xoves o congreso sobre transferencia de tecnoloxía aeroespacial

mércores, 26 de xuño do 2013 Redacción

O astronauta Ulrich Walter amosando os efectos da falta de gravidade na misión D-2 en 1993

O primeiro paso para que Vigo se converta na sede da incubadora de empresas de transferencia de tecnoloxía do espazo a PEME terá lugar mañá ás catro da tarde na Zona Franca de Bouzas, lugar onde se inaugurará o congreso A transferencia de tecnoloxía do espazo, unha oportunidade para as empresas. Emporiso o xesto que simbolizará este fito será protagonizado polo lanzamento dun globo estratosférico realizado pola Universidade de Vigo, seguido dunha conferencia pronunciada polo astronauta alemán Ulrich Walter. É preciso dicir que a devandita rede de incubadoras que se pretende instaurar en Vigo pertencen á Axencia Europea do Espazo, a Fundación INCYDE e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, co apoio financeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Deste xeito, o xoves 27 de xuño ás 4 da tarde dará comezo este congreso encamiñado a universitarios e PEME que se levará a cabo na chaira da sala de exposicións do Consorcio en Bouzas, sendo o Reitor da Universidade de Vigo, a Delegada da Zona Franca e o director do proxecto SBAI (Spain Business Aerospace Incubator) do INCYDE, os que lanzarán o globo estratosférico experimental BALLOON-XAT 002 realizado polo departamento do profesor José Antonio Vilán. Logo da conferencia de Ulrich Walter, terá lugar unha mesa redonda onde expertos de empresas aeroespaciais e profesores universitarios debaterán sobre as oportunidades de negocio que a tecnoloxía aeroespacial abre ás pequenas e medianas empresas expoñendo varios casos de éxito.
Na mañá do venres aqueles que non pagasen a inscrición poderán participar en tres obradoiros onde se analizarán as claves para emprender con éxito este tipo de novos negocios que se desenvolverán na primeira incubadora de empresas orientada á transferencia de tecnoloxía do espazo ás pequenas e medianas empresas pola que Vigo pugna fronte a outras cidades.
Engadir que este congreso servirá para amosar a relevancia das actividades e aplicacións espaciais, cunha incidencia directa na vida cotiá dos cidadáns. Pois máis de 30.000 aplicacións dependen de tecnoloxías espaciais, as cales poden axudar a mellorar o transporte, incrementar a eficiencia en agricultura e pesca, protexer o medio ambiente ou mellorar a seguridade. No congreso quérese transmitir que as PEME deben comezar a ollar cara o espazo como unha fonte de ideas a pór en valor en España.

PUBLICIDADE