Vitae prepara aos nosos profesionais TI nas máis axeitadas metodoloxías de resposta ante un ciberataque
xoves, 6 de abril do 2017
Vitae
Consultores prepara para os vindeiros un curso de 20 horas sobre
metodoloxías e recursos plenamente actualizados para sabermos como
responder ante cousas como unha incidencia informática ou unha
tentativa de roubo de datos, tanto antes, como durante, como despois
de darse estas circunstancias. Trátase dun obradoiro de 20 horas no
que tratará de responder ás seguintes preguntas con respostas
concretas e coñecemento de utilidade: Saberíamos como actuar nunha
situación de ameaza TIC? Coñecemos os pasos que cómpre dar para
facilitar a solución e unha posíbel investigación? Saberíamos
distinguir se o incidente constitúe un delito ou non? Que teríamos
que facer para previr estas situacións? O
curso Protocolos ante ciberataques e incidentes en seguridade TI
(formato PDF),
terceira edición, celebrarase en Vigo os días 5, 6, 19 e 20 de
maio.
Como
dixemos, no obradoiro forneceranse os datos e recursos precisos para
sabermos que medidas tomar perante un problema de seguridade en
activos dixitais dende o punto legal e de procedemento para axudar na
investigación tecnolóxica por parte das autoridades competentes e
previlos no futuro. En palabras de Vitae, “cando os ingresos
proveñen de Internet ou co uso das novas ferramentas ou cando os
servizos empréstanse por Internet ou co emprego das TIC, ou cando na
produción industrial úsanse estas de maneira relevante, as empresas
e os organismos están a dar pasos importantes en materia de
concienciación e xa están a aplicar todo tipo de medidas para
asegurar os seus activos”. É aí, nesta demanda de profesionais
cualificados neste ámbito, onde entra en xogo este curso de Vitae
Consultores.
Os
seus obxectivos son: coñecer a lexislación acerca de medidas de
investigación tecnolóxica, coñecer o procedemento e pasos a seguir
en caso de incidente de seguridade TIC e saber os pasos a seguir en
incidentes de seguridade en dispositivos móbiles.
O
curso, que se vai desenvolver na sede de AFundación en Vigo (números
24 e 26 da rúa Policarpo Sanz) está dirixido a administradores de
sistemas TI, responsábeis da seguridade e a administración de
activos informáticos ou calquera profesional que teña
responsabilidade sobre estes activos. A persoa encargada de impartir
os contidos será Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de
Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Diplomado
en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación
Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol, é formador
especializado en todo tipo de actividades referenciais sobre
seguridade informática e metodoloxías para desenvolver pescudas TI.
No seu haber atópase unha longa experiencia de asesoramento a
empresas e organismos como a Xunta de Galicia, a Universidade de
Vigo, a Universidade de Santiago, Altia, Balidea ou Dinahosting.