Vodafone, a primeira operadora que conta co certificado de accesibilidade WCAG 2.0
venres, 18 de xullo do 2014
A web de Vodafone España,
vodafone.es, vén de obter un
recoñecemento de man de Technosite, iniciativa especializada en
tecnoloxías ceibes de atrancos da Fundación ONCE. Máis polo miúdo,
foi distinguida co Certificado de Accesibilidade WCAG 2.0,
acreditación que entre cousas pon de relevo o nivel de adaptación e
a accesibilidade da web con respecto a todo tipo de colectivos,
incluídos os de persoas con diversidades funcionais e diferentes
características sensoriais e motrices.
“Este certificado
recoñece o labor de adaptación que levou a cabo Vodafone para todos
os seus clientes tanto particulares como autónomos e de empresas”,
informa a operadora, que sinala que é a única compañía do sector
en España que conta co dito selo outorgado por Technosite.
O principal obxectivo
deste certificado, engade, é establecer uns criterios claros que
permitan tanto o desenvolvemento de contidos accesíbeis como a
avaliación da accesibilidade de contidos xa existentes, “e no caso
de vodafone.es é aplicábel á web pública, as tendas online e
a área privada de clientes”, explica.
O certificado en cuestión
foi outorgado o pasado 5 de maio de 2014, pero as tarefas de
adaptación da web foron desenvolvidas ao longo do ano fiscal
2013-2014 (1 de abril a 31 de marzo). Vodafone sinala que colaborou
de forma estreita con Technosite para acadar unha web ceibe de
atrancos tanto para o público universal, incluíndo persoas con
diversidades funcionais ou sensoriais, tanto con axuda, como de forma
independente.