Vodafone alíase co Project Kuiper de Amazon
martes, 5 de setembro do 2023
O mes pasado
soubemos que Telefónica
aliouse con Starlink para ofrecer os seus servizos de comunicacións mediante
satélites de baixa altura, e agora é Vodafone a que avanza na mesma dirección, anunciando
unha colaboración con Project Kuiper, a iniciativa de comunicacións satelitais
de órbita terrestre baixa de Amazon, co que esperan poder ampliar o alcance dos
servizos 4G e 5G a máis clientes de Europa e África.
Vodafone pretende empregar a tecnoloxía de Project Kuiper para conectar antenas
móbiles dispersas ás redes centrais de telecomunicacións, para así poder
ofrecer servizos 4G e 5G en zonas nas que resultaría demasiado caro dar servizo
mediante as tecnoloxías tradicionais.
Tamén está previsto que se aproveite a tecnoloxía satelital de Amazon para
ofrecer servizos a empresas, como pode ser para ampliar a súa conectividade ou
para servir de respaldo ante situacións excepcionais.
Nos vindeiros meses realizaranse probas desta tecnoloxía que pretende entrar en
produción a finais de 2024, inicialmente só cunha serie de clientes
seleccionados.