Vodafone simplifica a súa opción prepago
xoves, 10 de abril do 2014
Vodafone anunciou
recentemente o lanzamento de Vodafone Fácil, proposta para
clientes que a compañía etiquetou de “fórmula máis sinxela e
económica” para acceder aos servizos prepago de cantas fórmulas
existen hoxe en día no mercado estatal. Xa en termos concretos,
Vodafone Fácil incorpora unha tarifa que permite chamar as 24 horas
a calquera destino fixo ou móbil do ámbito estatal por seis
céntimos por minuto, IVE incluído e sen cotas nin recargas
obrigatorias. Tamén abrangue unha escolma de teléfonos de voz que
se adaptan ás necesidades dos clientes.
Segundo subliñan fontes da compañía,
o novo servizo fai honra ao seu nome porque simplifica ao máximo a
xestión do prepago. Así, permite realizar accións como consultas
de saldo de xeito gratuíto, pedir un anticipo ou recargar en
calquera lugar. Por certo que os usuarios que fagan uso de Vodafone
Fácil e que ao mesmo tempo queiran navegar, comunicarse por
mensaxería instantánea ou compartir fotografías e vídeos co seu
móbil, poderán contratar cando o precisen un bono de Internet de
200 Mbps por cinco euros IVE incluído.
Ao abeiro desta novidade, ofrécese
unha gama de terminais “pensados principalmente para falar”,
sinxelos e adaptados ás necesidades concretas de cada tipo de
cliente. Por exemplo o Pack Vodafone Fácil Para Maiores,
Alcatel 20.00, que inclúe un teléfono con teclas grandes,
pantalla que facilita a visión e un botón de emerxencia na parte
posterior. Pola súa banda, o Pack Vodafone Fácil Listo para
usar, Samsung E1200, dá acubillo a un teléfono “sinxelo e
económico” que vén precargado con saldo para que “os clientes
poidan saír da tenda co seu teléfono listo para usar”, informa a
operadora. Este pack está dirixido a clientes cunha
necesidade puntual.