Volven os Amigus Labs (o 3 de febreiro) e as súas xornadas argalleiras para toda a familia

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A asociación Amigus, con sede operativa nas Pontes, comeza o ano retomando o fío de actividades argalleiras e tecnolóxicas con que agasallou aos seareiros das tecnoloxías, pequenos e maiores, ao longo dos meses pasados. Este 3 de febreiro, sen ir máis lonxe, celébrase no Lar de Endesa (en As Pontes) unha nova edición dos obradoiros Amigus Labs, adicados á arte, á creación dixital e máis á formación. A nova xeira de traballo (Maker 18.1) servirános para introducirnos no manexo de pequenas placas de prototipado e a facer os nosos propios proxectos de robótica realidade.
Segundo informan dende Amigus, máis en detalle, mediante placas libres Arduino e Raspberry Pi darase comezo a “un novo prototipo de instalación interactiva, unha instalación manexada mediante Internet onde os usuarios terán ao seu alcance a posibilidade de interactuar os obxectos fabricados”. A xornada ten o engadido extra de abranguer múltiples aspectos da creación tecnolóxica actual, dende a Internet das Cousas ao audio e o vídeo dixital, pasando pola robótica, o uso de impresoras 3D e as fresadoras CNC.
Na xeira de traballo tamén se definirán conceptos e funcionamentos, avaliaranse custes e botarase luz sobre como aplicar melloras no desenvolvemento final. Amais de todo o devandito, nesta xornada e nas vindeiras haberá marxe para montar robots velocistas de competición, pequenos vehículos intelixentes de carreiras, controlados por un microcontrolador ATmega328 con micromotores, Bluetooth e repleto de sensores e cámaras, entre outros elementos tecnolóxicos.
Dentro da área Amigus Labs Kids, e xa que estamos a piques de mergullarnos de cheo no Entroido, organizarase un obradoiro de fabricación de disfraces con téxtil interactivo, no que os rapaces poderán crear máscaras e outros elementos. A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde. Tódalas actividades realizaranse de 11:00 a 20:00, facendo unha parada para o xantar de 14:00 a 16:00. Máis información en http://www.amiguslabs.org.

PUBLICIDADE