Wiimbo, Anubía, VouAxenda e 104 Cubes amosan a súa experiencia no remate do Proxecto NACCE

venres, 15 de marzo do 2013 Redacción

O acto de clausura de NACCE celebrouse este xoves en Santiago e contou coa participación dalgúns dos seus principais impulsores

O Proxecto NACCE pechaba as súas portas este xoves 14 de marzo na Escola Galega de Administración Pública contando coa participación de Beatriz Mato (conselleira de Traballo e Benestar), Odilo Martiñá (director xeral de Traballo e Economía Social), Francisco Javier Rodríguez (subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense), Sonia Rábade (secretaria xeral de AGESTIC), José Manuel García (xerente da Cámara de Comercio de Vigo), Ana Campos (de AIMinho) e Eduardo Pinto (director executivo do CCG). Cómpre engadir a presenza entre o público dos emprendedores xurdidos no marco de NACCE, que quixeron contar a súa experiencia, amais dos promotores de catro iniciativas que xa foron presentadas o pasado 24 de xaneiro no Campus de Ourense.
Trátase de Wiimbo, unha aplicación móbil que permite aos usuarios consultar a música que se escoita en cada local de lecer e participar na súa selección musical; Anubía, un servizo de implantación de software de xestión empresarial de código libre para pequenas empresas; VouAxenda, un portal coa actividade cultural en Ourense, e 104 Cubes, que desenvolve ferramentas para converter os deseños de clientes en aplicacións informáticas.
Informar que o Proxecto NACCE (Núcleo de Apoio á Competitividade e á Creación de Empresas TIC) atópase enmarcado dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España–Portugal 2007-2013 e organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Asociación Galega de Empresas TIC AGESTIC, a Cámara de Comercio de Vigo, a Associação Empresarial AIMinho e o Centro de Computação Gráfica CCG/ZGDV. O dito proxecto conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e está co-financiado por fondos FEDER, a iniciativa persegue dinamizar o sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a ámbolos lados da fronteira e apoiar aos emprendedores neste eido.
A xeito de resumo: ao longo destes dous anos NACCE supuxo unha grande axuda para o emprendemento tecnolóxico e a modernización das empresas. Isto amósano as 19 novas empresas TIC creadas e o apoio emprestado a máis de 200 pequenas e medianas empresas nos últimos dous anos, favorecendo 8 proxectos de I+D e achegando formación de calidade en colaboración, internacionalización e creación de negocios a 370 alumnas e alumnos.

PUBLICIDADE