Xa está dispoñible en galego e para descarga a versión 2010.1 de Mandriva Linux

martes, 13 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A oferta de programas abertos en galego vén de recibir unha importante incorporación. Trátase da edición 2010.1 Spring de Mandriva Linux, plataforma de alicerce francés que nesta versión actualizada (máis rápida e máis sexi, segundo se conta) achégase en tres versións diferentes (One Edition, Free Edition Powerpack) para 32-bits e 64-bits e con GNOME e KDE Plasma SC. A actualización, que segundo se fai saber dende o portal-comunidade Trasno.net constitúe unha porta de entrada de primeira orde ao eido Linux, foi traducida por Alejo Pacín, membro do devandito colectivo de programación aberta e que para este traballo en concreto recolleu a testemuña deixa por Leandro Regueiro. A distribución xa se atopa en libre descarga.
A actualización que estamos a presentar chega co 78% da interface traducida ao galego, o que pon á nosa lingua entre as 25 que mellor soporte lingüístico amosan nesta versión. Polo que respecta ás novidades postas en xogo, dende Trasno.net fan fincapé na conta de convidado, no novo método de instalación incorporado ou nas melloras no Mandriva Directory Server. Asemade, inclúe o máis actualizado de ferramentas de uso tan común como o navegador Firefox ou o paquete ofimático libre OpenOffice, e tamén dá acubillo aos navegadores Chromium e Opera e ao centro multimedia Moovida.
Tal e como se sinalou, a tradución non está pechada ao cen por cen, polo que calquera axuda será moi ben recibida. O método de colaboración máis axeitado é a través da web de Trasno e máis polo miúdo da sección do proxecto de localización que coordina Alejo Pacín. Hai máis información pormenorizada web de Mandriva e máis no blogue de Alejo.