Xa podemos votar pola Palabra do Ano 2023
xoves, 14 de decembro do 2023
Entramos
na recta final de ano e a Real Academia Galega (RAG) achéganos unha
das nosas votacións preferidas na Rede: a elección da que sería a
palabra galega do ano. Este ano compiten seis significativos termos:
biodiversidade, cibercarracho -a, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e
feitiño -a. O
de “significativos” vén a conto porque novamente estamos ante
media ducia de espellos da realidade na que estamos mergullados e dos
acontecementos recentes de toda índole que nos trouxo o ano que está
a piques de rematar.
Estas
son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2023. A
partir deste
14 de decembro
e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro, poderemos
votar pola nosa opción
favorita a través do Portal
das Palabras,
a páxina web de divulgación do léxico galego da Real Academia
Galega e a Fundación Barrié, que
confirman que “todas
as finalistas están relacionadas con preocupacións sociais en
aumento ou acontecementos que deixaron unha fonda pegada na cidadanía
por diversos motivos, e que se reflectiron de maneira reiterada na
primeira fase da campaña, centrada na recolla das propostas da
cidadanía”.
Nunha
análise máis pormenorizada de cada termo, a RAG e a Fundación
Barrié lembran que a preocupación
polo impacto da acción humana sobre o medio natural é unha
constante que se plasma no proceso de elección da Palabra do Ano, e
desta volta entre as palabras finalistas figura biodiversidade,
substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e
animais dun ecosistema. “O termo”, engaden,
“evoca
nos últimos tempos dende as mobilizacións en Galicia contra grandes
parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local ata
o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas
preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións”.
Polo
que se refire á inclusión de cibercarracho,
as dúas entidades recordan que a súa presenza débese á
dixitalización da sociedade, “un proceso cheo de oportunidades,
pero tamén de ameazas como o incremento da ciberdelincuencia,
un fenómeno que nos últimos doce meses afectou a moitos
particulares e mais pequenas e grandes organizacións do país e de
todo o mundo”. Á persoa que comete un delito por medio das
tecnoloxías da información e a comunicación chámaselle
ciberdelincuente,
segundo recolle o Dicionario, pero tamén está a ter certo
predicamento o termo cibercarracho -a.
“Este neoloxismo de carácter coloquial”, explica
a RAG,
“permite que
dende o humor chamemos
a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de protección ante
os ciberataques”.
A voz fórmase a partir do prefixo ciber-,
que
resulta do acurtamento de cibernético,
e o substantivo carracho,
que nomea o arácnido da orde dos ácaros do que existen varias
especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén
denominado carracha,
carraza, carrapato
ou carrapata.
Outra
finalista é cooficialidade,
palabra que designa aquilo que é oficial canda outra realidade, “e
que no noso contexto aplicamos ao conxunto de linguas que comparten
oficialidade”,
lembra a RAG, engadindo que “con
ela sinálase o paso adiante dado este ano no recoñecemento do
galego e das demais linguas cooficiais do Estado ao se acordar o seu
uso normalizado no Congreso dos Deputados”. E chámase tamén a
atención sobre os aínda pendentes para reparar a marxinación
histórica do galego e da discriminación dos seus falantes, na liña
do expresado pola propia RAG na declaración
institucional difundida o pasado mes de novembro.
Por
outra banda, a Real Academia Galega recorda que neste
2023 celébranse os 75 anos da Carta Universal dos Dereitos Humanos:
“A
campaña da Palabra do Ano rexistrou moreas de voces propostas que
constitúen unha chamada á defensa do contido deste texto
fundamental que está a ser vulnerado de maneira indiscriminada nos
últimos conflitos bélicos que conmocionan a comunidade
internacional, pero que tamén se esquece decote en calquera recuncho
do planeta dende as primeiras liñas, nas que se recolle a igualdade
de todas as persoas sen distinción ningunha de cor, idioma,
relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou
social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”.
Por iso entre as voces finalistas figura o sintagma nominal dereitos
humanos.
Dereitos
humanos é
a adaptación ao galego da paremia creada pola ONU, común nas
linguas da contorna: direitos
humanos
en portugués, diritti
umani
en italiano ou human
rights
en inglés.
Polo
que respecta ao
sintagma nominal educación
emocional
apareceu entre as propostas canda outras que teñen en común
referirse á saúde mental da poboación en xeral e da infancia e a
mocidade en particular. “A pandemia”, prosegue
a RAG,
“supuxo un punto de inflexión na visibilización desta cuestión
na conversa pública, un dos primeiros pasos necesarios para abordala
de maneira efectiva”. Deste
xeito, o
interese nela non decaeu nestes meses e cada vez se está a falar
máis da necesidade de incorporar a educación emocional a todas as
etapas formativas para mellorar as relacións interpersoais, a
capacidade de facer fronte aos retos que presenta a vida e o benestar
persoal.
A
RAG
e a Fundación Barrié tamén fan saber que a
fase de suxestións deixou a maiores
“diversas voces que agradecen a existencia da xente que coa súa
maneira de ser fai mellor a vida de quen as rodea e da súa
comunidade”. De entre todas
elas,
a
elixida
como finalista é feitiño -a,
voz tradicional do galego de uso moi estendido que, fronte a formas
que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño -a,
tamén se refire dende o léxico patrimonial a “aquela persoa da
que queremos destacar as súas virtudes morais e / ou físicas”.
Unha
aplicación para xogar co Dicionario
A
Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan a todo o público
a participar votar pola súa finalista favorita a través do Portal
das Palabras. Nas edicións anteriores a votación popular proclamou
como Palabra do Ano comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020),
sentidiño (2019)
deseucaliptización (2018),
afouteza (2017),
irmandade (2016)
—coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado -a (2015)
e corrupción (2014).
Alén
do labor de divulgación do léxico galego a través do Portal das
Palabras, ambas as institucións colaboran na aplicación Ximnasio
Léxico,
que ofrece unha serie de xogos baseados no Dicionario da Real
Academia Galega, e que pode descargarse de balde para dispositivos
Android e
iOs.
“As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que
permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento,
ou ben competir”, explican
as dúas entidades.