Xa se pode descargar o Thunderbird 3 en galego
mércores, 9 de decembro do 2009
A Fundación Mozilla vén de lanzar oficialmente a nova versión do servizo de correo electrónico Thunderbird, ferramenta de emprego común entre a comunidade de usuarios de programación aberta e, grazas a esta nova achega, con meirandes posibilidades de chegar mesmo aos internautas ligados ao privativo. De feito, puntos salientables non semellan faltarlle: está dispoñible en 49 linguas, opera sobre todo tipo de plataformas (Mac OS X, Linux e Windows) e inclúe, entre outras moitas novidades, máis de 2.000 melloras con respecto á versión previa.
Por exemplo: un motor de procuras renovado (con extras para o filtrado e para a consulta do histórico), servizo para o arquivado de mensaxes xa habilitado e xestión do correo co uso de separadores (achégase a posibilidade amosar correos, cartafoles e webs botando man de engadidos do mesmo pau cós do navegador Firefox).
Por certo que quen queira lanzarse a tirarlle partido ao Thunderbird 3 na nosa lingua xa pode facelo a través da web galega de Mozilla.
Entre as novidades que salientan webs ligadas á programación aberta como a do Centro Mancomún tamén se atopan as seguintes:
· Axenda “un-click”: permite engadir xente á nosa axenda simplemente premendo na icona de estrela que aparecerá nas mensaxes recibidas de novos contactos.
· Novo asistente de configuración de contas de correo: Comezar con Thunderbird 3 é máis sinxelo que nunca. O novo asistente só preguntará un par de datos simples, como a conta de correo e o contrasinal, no canto dos parámetros IMAP, SMTP, SSL/TLS.
· Cartafoles intelixentes: combina caixas de correo individuais para axudarnos a xestionar múltiples contas de correo nun só punto
