Xa se pode visitar en liña o Jardim Botânico de Porto

xoves, 7 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Unha das principais funcións das redes do coñecemento é sen lugar a dúbidas a de axudarnos a coñecer mundo sen necesidade de movérmonos do asento. Dende o punto de vista oposto, tamén contribúen a poñer o noso mundo ao alcance de todos aqueles que non teñen posibilidade, neste intre, de achegárense. Isto é o que veñen de facer os responsables do Jardim Botânico do Porto, un salientable espazo natural que a partir de agora amplía o seu horario de apertura ás 24 horas grazas a unha nova web (áinda en desenvovemento) dende a que é posible “explorar un pouco do que o Jardim nos pode oferecer”, sinálase.
A web do Jardim, dende a que se permite pedir unha visita guiada para grupos escolares ou grupos organizados (enténdase unha visita física), inclúe a versión dixitalizada dun importante número das xoiais naturais ás que dá acubillo, como por exemplo O Roseiral, o Jardim dos Jotas e o Jardim do Peixe, todo eles delimitados por salientables sebes de camelias. Asemade, achéganse visitas virtuais a monumentos de tipo arquitectónico, como por exempolo a Casa Andresen, noutrora sede principal do Departamento de Botânica da Faculdade de Ciências “e cujo nome se associa a figuras notáveis da literatura portuguesa do século XX: Sophia de Mello Breyner Andresen e Ruben A”, sinala a Universidade de Porto, que é a encargada do coidado do Jardim.

PUBLICIDADE