Xa temos o novo Gnome 3.12 na nosa lingua
martes, 1 de abril do 2014
O equipo galego de tradución de Gnome vén de
anunciar a dispoñibilidade da nova versión da contorna de
escritorio, a
versión 3.12 de Gnome, cen por cen adaptada á nosa lingua. A
nova actualización, que chega medio ano despois da anterior, vén
unha vez máis rebordando de novidades a ter en conta, tanto por
número como por calidade e funcionalidade. Ademais, acompáñase do
que Fran Diéguez (coordinador do grupo de tradución) e o seu equipo
cualifican de “gran traballo de tradución”. De feito, acadouse
unha taxa de adaptación do 100 por cen por cento para o eido da
interface, aínda que se retrocedera un chisco no plano da
documentación.
Segundo informa o grupo (un colectivo galego de
seareiros-voluntarios do dito escritorio libre con importantes
ligazóns coa asociación Trasno),
esta nova versión 3.12 é froito do traballo de seis meses e un
milleiro de persoas ao abeiro do Proxecto Gnome. O obxectivo foi pór
o punto de mira en mellorar a experiencia de usuario e na
presentación de novas aplicacións. Entre as melloras introducidas,
o grupo galego de desenvolvemento e tradución salienta as seguintes.
· Melloras na interface.
Elementos como as novas xanelas emerxentes popovers,
diálogos de usuario, preferencias e asistentes completamente novos e
integrados por todas as aplicacións achegan “unha experiencia
moito máis pulida e de alta calidade”, informa a equipa galega de
Gnome.
· Melloras na
compatibilidade con pantallas de alta resolución. A
compatibilidade con pantallas de alta resolución foi engadida por
primeira vez en 3.10. Isto fornece compatibilidade para estas
pantallas en gran parte de Gnome 3. “Desde entón”, informa o
grupo, “esta característica foi estendida para incluír todos os
aspectos da experiencia principal da familia 3 do escritorio,
incluíndo a Vista de actividades, a barra superior, a pantalla de
bloqueo e os diálogos de sistema”.
· Integración da nube
ampliada. O camiño de integrar Gnome 3 con servizos na nube
continúa en 3.12, engade o grupo. E explica: “Unha das principais
características novas desta versión é a introdución da
integración con Google Cloud Print; isto permite imprimir desde
Gnome en impresoras que estean conectadas ao servizo de Google Cloud
Print”. Tamén posibilita engadir documentos a Google Drive.
Ademais engadíronse outras integracións coa nube como a integración
con Pocket a Videos, Fotos con Facebook e Flickr para cambiar o fondo
de escritorio.
· Novas aplicacións. A versión
3.12 achega tres novos aplicativos en vista previa: Polari, Gravadora
de son e Rexistros. Todas estas ferramentas son publicadas por
primeira vez co propósito de levar a cabo probas e recoller
comentarios dos usuarios.
Novidades da tradución ao galego
Respecto ás novidades da localización á nosa
lingua desta nova achega de Gnome, dicir que supuxo unha continuación
do traballo aberto coa anterior publicación. No que se refire á
tradución das aplicacións, mantívose unha taxa do cen por cen,
incluíndose as novas ferramentas presentadas nesta nova
actualización, “todos cumprindo os últimos acordos de
terminoloxía publicado pola asociación Trasno”. Respecto á
tradución da documentación, trasladouse á nosa lingua
documentación base formada por máis de 65.000 palabras. Segundo
informa o grupo galego de Gnome, “debido a que unha gran cantidade
da información foi reescrita e os escasos escasos recursos humanos
dos que dispomos, lamentabelmente nesta publicación 3.12 baixamos do
50% ao 43% da tradución na documentación”.
