Xeopesca convídanos a iniciar proxectos de hardware libre

martes, 3 de outubro do 2017 Redacción

O vindeiro sábado 14 de outubro a asociación Xeopesca vainos achegar unha cita para compartirmos coñecemento e habilidades arredor do hardware libre. O encontro será novamente no Centro Sociocultural de Caramoniña de Santiago, emprazamento (tamén) das máis recentes actividades de divulgación de Xeopesca. Un dos obxectivo desta cita (Biblioteca de Hardware Libre) será, en palabras da organización, axudarnos a que iniciemos proxectos con tecnoloxías sen cancelas, abertas e cen por cen dispoñíbeis.
Con esta finalidade, entre as 10:00 e as 13:30 horas levarase a cabo un servizo de empréstamo de placas Arduino e Raspberry co obxectivo de que “afondemos na súa aprendizaxe e poidamos colaborar coa comunidade que apoia e tira proveito destas tecnoloxías”.
Segundo nos contan dende Xeopesca, para participarmos no obradoiro precisaremos carrexar o noso computador portátil co seu cargador e, previamente, inscribirnos na actividade no enderezo específico habilitado.
Esta cita do 14 de outubro forma parte do programa de accións que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE