Xeopesca introdúcenos nas moitas posibilidades de GIMP

martes, 29 de agosto do 2017 Redacción

Este sábado 2 de setembro imos ter en Santiago unha boa oportunidade de coñecer o programa GIMP e todas as súas funcionalidades, dende as básicas ata as máis avanzadas. A cita vén da man da Asociación Xeopesca e celébrase no Centro Sociocultural de Caramoniña. Este obradoiro de iniciación a edición fotográfica a través de GIMP desenvolverase en horario de 10:30 a 13:30 horas e será gratuíto e aberto.
Como lembraremos, a ferramenta GIMP (GNU Image Manipulation Program) é con toda probabilidade a alternativa libre ao Photoshop máis viable, completa, competitiva e avanzada. Está localizada ao galego e, por ser aberta, ten a vantaxe de ser de balde e estar dispoñible para múltiples plataformas, coma Windows, Linux, Mac OS X e outros sistemas operativos.
No obradoiro que organiza Xeopesca aprenderásenos a manexar as diferentes capas e ferramentas que nos proporciona o GIMP, a aplicar ao xeito recursos diversos (filtros, balances de cor, brillo e contraste, ton e saturación), a introducirnos no escalado e exportación de fotografías e a publicar imaxes con licenzas libres.
Este obradoiro conta coa colaboración do Recuncho Maker que cedeu o espazo do Centro Socio Cultural de Caramoniña para a súa realización.
A actividade forma parte das que a Asociación Xeopesca realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.