Xulio Ferreiro e Raúl Ordóñez participarán no vindeiro Coruña Bloggers

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Esta semana comentamos que Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, é o sexto rexedor con máis seareiros en Facebook e Twitter de España segundo un estudo, e casualmente veñen de desvelar dende Coruña Bloggers que Ferreiro será un dos relatores da edición décimo cuarta deste encontro de blogueiros e entusiastas en xeral das redes sociais e da tecnoloxía, para a que abrirase a inscrición de balde o vindeiro luns.
Este encontro de carácter solidario, no que os asistentes en vez de pagar por asistir acoden con alimentos non perecedoiros para achegar á Cociña Económica, contará tamén con outro relator, Raúl Ordóñez, consultor e formador TIC que estivo detrás da organización de numerosos eventos como os Premios Bitácoras, interQué, e o que nos colle máis preto, inLugo.
Ao abrirse a solicitude de inscricións ao evento darase conta das temáticas que abordarán Ferreiro e Ordóñez neste encontro que leva recollidos máis de dous mil quilogramos de alimentos durante as súas primeiras 13 edicións, de xeito que agora teñen como reto chegar ás tres toneladas en 2018.

PUBLICIDADE